A Xunta abre o prazo de solicitude para a acreditación da experiencia profesional de máis de 2000 galegos

 A Consellería de Economía, Emprego e Industria convoca a décima edición deste procedemento para 10 cualificacións entre as que se inclúe como novidade a de confección e mantemento de artes e aparellos (redeiras)


Os interesados en optar a estas acreditacións, de carácter oficial e validez nacional, poderán inscribirse ata o próximo 26 de xaneiro

Galicia atópase á cabeza da formación certificable sendo pioneira en 2011 en impulsar o recoñecemento da competencia profesional a través do que se acreditaron xa a máis de 11.400 persoas
 

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2018
  • whatsapp

A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de convocar a décima edición do procedemento para acreditar a experiencia profesional cun total de 2067 prazas en 10 cualificacións entre as que se inclúe como novidade este ano a de confección e mantemento de artes e aparellos (redeiras).

A esta únense as de atención sociosanitaria a persoas no domicilio; en institucións sociais; servizos para o control de pragas; xestión de servizos para o control de organismos nocivos; socorrismo en espazos acuáticos naturais; en instalacións acuáticas; extinción de incendios e salvamento; tanatopraxia; e operacións de vixilancia e extinción de incendios forestais e apoio a continxencias no medio natural e rural.

Os interesados en anotarse a este procedemento terán de prazo para inscribirse ata o próximo 26 de xaneiro podendo consultar toda a información necesaria na páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria, no portal de Emprego: http://emprego.ceei.xunta.gal/portada-reconecemento-experiencia-profesional.

As cualificacións que se convocan, na maioría dos casos, son actividades ou profesións que por normativa, debido a razóns de saúde e seguridade, e co obxectivo de garantir un bo servizo aos usuarios, esixen como requisito imprescindible para poder desempeñalas a posesión dun título o certificado de profesionalidade, que acredite a súa experiencia profesional.

Estas acreditacións da Consellería de Economía, Emprego e Industria teñen carácter oficial e validez nacional, polo que as persoas que obteñan estes recoñecementos poden facelos valer no mercado laboral como certificados oficiais que recoñecen as capacidades adquiridas durante anos de experiencia profesional. O obxectivo é facilitar aos galegos e galegas que poidan progresar na súa carreira profesional e permitir ás empresas optimizar o aproveitamento dos seus recursos humanos.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén publicando este procedemento desde o ano 2011. De media, ao ano, convócanse sobre 2000 prazas. Ata a data, un total de 11.417 galegos e galegas acadaron unha acreditación oficial da súa experiencia profesional.

Con esta nova convocatoria, as prazas ofertadas sumarán máis de 15.900. Galicia atópase á cabeza da formación certificable converténdose en 2011 nunha das Comunidades pioneiras en impulsar este procedemento.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/01/2018