Cultura informa sobre as posibilidades que ofrece o programa Erasmus+ para o desenvolvemento de proxectos culturais

Máis de 80 persoas do sector cultural participan hoxe na xornada organizada pola Secretaría Xeral de Cultura en colaboración co Servizo Español para a Internacionalización da Información, que ten lugar na Cidade da Cultura
 

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2018
  • whatsapp

A Unión Europea incide na necesidade do traballo cooperativo e o aproveitamento de sinerxías entre distintos sectores para acadar os obxectivos dos seus programas. Con este motivo, a Secretaría Xeral de Cultura, en colaboración co Servizo Español para a Internacionalización da Información (SEPIE) organiza hoxe unha xornada informativa para explicarlle ao sector cultural galego as posibilidades de financiamento que os seus proxectos poden ter da man do Eramus+.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, inaugurou esta mañá a xornada e destacou a vía de cooperación que se abre hoxe “entre os xestores do programa Erasmus+ e o sector cultural” engadindo que se trata de “dar a coñecer como é posible abrirse a novos proxectos, co único requisito de que neles estea incluída algunha acción formativa”. No acto de apertura estivo acompañado pola directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo; pola representante do SEPIE, Beatriz Tourón Torrado, e pola responsable de Asuntos Europeos da Secretaría Xeral de Cultura, Mar Nogueira.

O obxectivo da xornada é “amosar as oportunidades de participación que o sector cultural, como motor de formación de distintos grupos de poboación, pode atopar no marco do financiamento de Erasmus+, a través de diferentes accións”, segundo puxo de manifesto Lorenzo.

Cooperación para a innovación

Para os máis de 80 asistentes, a xornada constitúe unha oportunidade para coñecer en profundidade as bases do programa Erasmus+, no que participan asociacións estratéxicas de empresas, institucións e organismos de distintos ámbitos para cooperar e poñer en marcha prácticas innovadoras a través da aprendizaxe entre iguais ou do intercambio de experiencias.

Os relatorios da xefa do servizo da Unidade de Educación e de Persoas Adultas do SEPIE, Beatriz Tourón Torrado, complétanse cunha mesa redonda na que se explicarán polo miúdo tres casos de boas prácticas con proxectos levados a cabo en Galicia.

A Secretaría Xeral de Cultura ofrece información e asesoramento sobre as políticas europeas e as súas fontes de financiamento para proxectos culturais, a través do contacto directo e continuo coas oficinas de programas como Europa Creativa, deseñado de xeito específico para o ámbito cultural ou incluso outros, como Europa cos Cidadáns ou o Programa de Cooperación Transfronteriza España-Portugal, POCTEP.
 

Data de actualización: 15/01/2018