A Xunta activa dúas liñas de apoio aos concellos para a contratación de persoas desempregadas

O DOG publicou a pasada semana as convocatorias para a contratación de perceptores da Renda Galega de Inclusión Social (RISGA) e de 620 desempregados para a realización de obras ou servizos de interese xeral ou social

As dúas actuacións, nas que o Goberno galego inviste 7 millóns de euros, forman parte da Axenda 20 para o Emprego coa que a Xunta está impulsando en Galicia a mellora do mercado de traballo

Ao abeiro destes dous programas, na convocatoria do pasado ano, os concellos da provincia beneficiados con preto de 1,5 millóns de euros contrataron 221 traballadores
 

Ourense, 16 de xaneiro de 2018
  • whatsapp

A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de publicar a pasada semana no Diario Oficial de Galicia (DOG) dúas convocatorias de axudas dirixidas aos concellos nas que o Goberno autonómico investirá preto de 7 millóns de euros para a contratación de 1.420 desempregados.

A delegada territorial da Xunta en Ourense subliña que ambas as dúas liñas de axuda resultaron moi exitosas nas pasadas convocatorias e foron moitos os concellos da provincia que se viron beneficiados ao abeiro destes programas.

Por un lado, o departamento autonómico dirixido por Francisco Conde destinará 5,7 millóns de euros para a contratación de 800 persoas perceptoras da Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga) en 192 concellos, tendo preferencia, ao igual que o pasado ano, aquelas persoas que teñan asignado un proxecto de inserción de carácter laboral, os maiores de 45 anos e as que teñan cargas familiares.

A convocatoria saíu publicada no https://goo.gl/WNVRkJ o pasado venres polo que o prazo de solicitude abriuse onte e rematará o 12 de febreiro. Ao abeiro desta Orde na pasada convocatoria un total de 53 concellos da provincia contrataron a 173 desempregados cunha achega de preto de 1,3 millóns de euros.

Con independencia da duración do contrato, o período que financiará a Xunta con estes apoios, que van dirixidos a concellos e as agrupacións de concellos, será de sete meses.

A contía que se conceda será a equivalente ao necesario para sufragar os custes salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos, na mesma cantidade que a fixada para o salario, segundo o convenio colectivo vixente. Para a resolución das axudas terase en conta o número de desempregados e a evolución do paro rexistrado entre 2013 e 2017 de cada localidade, así como a evolución da poboación neste período e o número de perceptores da Risga a 31 de decembro deste ano.

Díaz Mouteira referiuse ao segundo programa de apoio destinadas á Administración local e que saíu publicado no https://goo.gl/vZ7rpn o xoves 11 de xaneiro que destina 1,3 millóns de euros para a inserción no mercado de traballo de 620 persoas sen emprego en 150 concellos e que realizarán obras ou servizos de interese xeral ou social. Nesta convocatoria terán preferencia os servizos relacionados con Protección Civil e seguridade das persoas e bens, especialmente os proxectos que correspondan a servizos de salvamento e socorrismo. Neste caso as solicitudes poderán realizarse ata o luns 12 de febreiro.

A delegada territorial lembrou que na pasada convocatoria o Goberno galego concedeu case 140.000 euros a 43 concellos da provincia ourensá que posibilitou a contratación de 48 persoas desempregadas.

Marisol Díaz indicou que as dúas accións forman parte da Axenda 20 para o Emprego coa que a Xunta está impulsando a calidade no mercado de traballo e coa que se está contribuíndo á redución do paro en Galicia e á creación de emprego. De feito, descendeu 0,15% con respecto a 2016 e na evolución mensual foi o primeiro mes de decembro no que se produciu un descenso do desemprego de toda a serie histórico.
 

Data de actualización: 16/01/2018