A Secretaría Xeral para o Deporte dá total prioridade á reparación da cuberta do pavillón do complexo deportivo Agra I e pon en marcha o proceso de licitación das obras

A dirección e execución destas actuacións contará cunha dotación de 140.000 euros

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2018
  • whatsapp

A Secretaría Xeral para o Deporte vén de iniciar os trámites de licitación para reparar os danos ocasionados na cuberta e no pavimento do pavillón do complexo deportivo Agra I, por mor da cicloxénese explosiva Ana rexistrada o pasado 10 de decembro en Galicia e que alcanzou a boa parte da península, con ventos moi fortes e precipitacións abundantes segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía.

A realización destas obras de substitución e reparación son urxentes porque a cuberta do pavillón presenta filtracións a través dos paneis que están a afectar de maneira importante aos elementos de estrutura de aceiro e que está a deteriorar a tarima de madeira da pista.

O estado da tarima non permite a realización da actividade deportiva con normalidade, representando un grave problema nalgunhas zonas. Deste xeito as obras serán licitadas por trámite de urxencia, aínda que as actuacións a realizar supoñen o peche do pavillón, o que alterará o normal funcionamento do complexo e das clases do IES Agra de Orzan. A dirección e execución destas actuacións conta cunha dotación de 140.000 euros.

No momento actual están a levarse a cabo reparacións menores das zonas danadas do parqué, permitindo así o uso parcial do pavillón mentres se procede ao proceso de licitación das obras.
 

Data de actualización: 22/01/2018