O titular da Xunta concluíu a súa viaxe cunha visita á 2018 OurCrowd Global Investor Summit e ao Museo da Historia do Holocausto
Galicia busca atraer investimentos cara ao seu ecosistema de emprendemento innovador no principal foro mundial do sector

Salienta que Galicia dispón de aceleradoras en sectores estratéxicos con ideas e proxectos dispoñibles para investir e achegar coñecemento

Incide en que a Xunta está a acometer unha intensa política de impulso ao investimento no tecido produtivo, con facilidades fiscais e administrativas

Recalca a oportunidade desta viaxe para identificar os factores que converteron este país nun referente do emprendemento tecnolóxico e para buscar formas de implantalos en Galicia

“En definitiva, imos seguir traballando. As pontes de contacto están feitas e Galicia é unha terra aberta ás ideas, ao capital risco e ao investimento produtivo”, di
 

Xerusalén, 1 de febreiro de 2018
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, finalizou hoxe a súa viaxe a Israel visitando o foro de investimento a nivel internacional de micromecenado 2018 OurCrowd Global Investor Summit. Unha convocatoria de referencia mundial no ámbito do capital risco, onde se dan cita investidores de todo o mundo e startups, e na que Galicia participou co obxectivo de atraer investimentos, colaboración e alianzas estratéxicas nun dos mercados máis innovadores do mundo.

“Estamos a falar dun evento que rolda os 7.000 asistentes procedentes de máis de 80 países no que preto de 100 startups presentan os seus proxectos. Polo tanto, este foro é un lugar que a Galicia lle interesa desde o punto de vista económico e tecnolóxico”, dixo, incidindo na oportunidade que supón para as empresas galegas coñecer as principais novidades nos sectores máis punteiros, así como contactar con investidores.

Nesta liña, Feijóo salientou que a Comunidade dispón dun bo número de aceleradoras en sectores estratéxicos nos que as empresas do país son referentes: a Business Factory Auto, en colaboración con PSA; ViaGalicia, con Zona Franca; Agrobiotech, na que colabora Coren; a incubadora de fármacos que promoven Janssen e a Fundación Kaertor; as dúas nas que participan Telefónica e Vodafone, no sector TIC; e a futura aceleradora que se porá en marcha no ámbito aeroespacial, aproveitando o potencial do polo de Rozas; xunto cos proxectos que desenvolven as 30 Unidades Mixtas de Investigación.

O presidente da Xunta lembrou que en todas elas hai ideas e proxectos dispoñibles para investir e achegar coñecemento e fixo fincapé en que a Xunta está a acometer unha intensa política de impulso ao investimento no tecido produtivo: con facilidades fiscais e administrativas; co asesoramento da Oficina Doing Business; e co apoio financeiro necesario a través das sociedades de capital risco. “Calquera empresa que queira situarse en Galicia, que necesite financiamento, capital risco, axudas e incentivos da administración, ten a súa disposición a Xunta con ferramentas como a Oficina Doing Business e a Lei de impulso industrial para facilitar as tramitacións burocráticas, e co Plan Innova 2020”.

Sobre este último punto, resaltou que este plan, que conta cunha mobilización de preto de 1.800 millóns de euros, está destinado á transferencia de coñecemento, á innovación e á creación e impulso das empresas. “Porque queremos acompañar ás ideas, ás startups, aos centros de coñecemento para que crezan, para que maduren e para que posteriormente teñan un impacto directo na creación de emprego”, abundou.

Visita ao Museo do Holocausto e remate da viaxe

Logo deste foro, o presidente do Goberno galego visitou o Museo da Historia do Holocausto, un lugar onde recordar os maiores crimes da historia da Humanidade e render homenaxe ás vítimas.

Con esta visita, Feijóo puxo fin á súa estancia en Israel, na que acompañou a unha vintena de empresas, clústers e centros tecnolóxicos galegos nesta misión comercial por un dos países que máis inviste en innovación; cuxo 45% do PIB o compoñen industrias de alta tecnoloxía, en sectores como o aeronáutico, o das telecomunicacións ou o da biotecnoloxía; e unha de cada 12 startups no mundo é israelí.

Con estas cifras, o responsable do Executivo autonómico recalcou a oportunidade desta viaxe para identificar os factores que converteron este país nun referente do emprendemento tecnolóxico e para buscar formas de implantalos en Galicia.

Pola súa banda, Galicia presentou o traballo que están realizando os seus sectores estratéxicos; a súa rede de apoio ao emprendemento innovador; e expuxo o que a innovación significa hoxe en día para a economía galega a través do Plan Innova 2020.

“En definitiva, imos seguir traballando. As pontes de contacto está feitas e Galicia é unha terra aberta ás ideas, ao capital risco e ao investimento produtivo”, concluíu, asegurando que Galicia seguirá apostando por este modelo, no que as empresas, centros de coñecemento e Administración van da man.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 01/02/2018