A Xunta abre o prazo de solicitude do programa para formar a 1500 traballadores en 500 empresas de sectores estratéxicos

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar as bases da convocatoria desta iniciativa á que se destina 4,5 millóns de euros co obxectivo de impulsar a formación especializada e á carta dos traballadores galegos

Recibirán apoio os proxectos formativos a medida adaptados ás necesidades de cada empresa e especialidades recoñecidas polo Servizo Público de Emprego e homologadas pola Administración ou entidades acreditadas
 

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2018
  • whatsapp

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar as bases da convocatoria do programa pioneiro da Consellería de Economía, Emprego e Industria dirixido á formación especializada e á carta de 1500 traballadores en 500 empresas de sectores estratéxicos vinculados coa Axenda Industria 4.0. Trátase dunha actuación á que a Xunta destinará 4,5 millóns de euros en global. O DOG publica hoxe a primeira das convocatorias por máis de 3 millóns de euros. O prazo de solicitude rematará o próximo 2 de abril.

O Goberno galego, a través desta actuación de formación para persoal de empresas de sectores estratéxicos, financiará o 100% da cualificación, cun límite de 200.000 euros para empresas ou agrupacións de firmas, priorizando actuacións vinculadas coa silvicultura, transformación de madeira, fabricación de compoñentes electrónicos e ordenadores, automoción, naval, aeronáutica, fabricación de mobles, edición de programas informáticos e telecomunicacións e actividades relacionadas coa informática. O principal requisito deste programa de axudas é que as compañías pertenzan a algún dos sectores estratéxicos da Axenda Industria 4.0.

A iniciativa terá un carácter bianual para que se poidan planificar talleres ou cursos máis complexos e cun maior período de duración, co obxectivo de ofrecer unha cualificación completa e sempre acorde ás demandas das firmas galegas. Deste xeito, financiaranse accións implementadas entre o 1 de xaneiro de 2018 ata o 30 de xullo de 2019.

Recibirán apoio proxectos de formación a medida, adaptados ás necesidades formativas específicas de cada empresa que así o solicite, e tamén especialidades formativas recoñecidas polo Servizo Público de Emprego e homologadas pola Administración ou entidades acreditadas. O obxectivo da Xunta é contribuír coas axudas a mellorar a cualificación dos cadros de persoal das firmas da Comunidade.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/02/2018