A Xunta activa as axudas para autónomos que o ano pasado destinaron case 644.000 euros no Salnés

O Goberno galego acaba de publicar no DOG os apoios para impulsar o emprego autónomo e para contratar de forma indefinida ao primeiro, segundo e terceiro traballador nos que investirá 16 millóns de euros

Na provincia de Pontevedra destináronse a estes fins un total de 4,7 millóns a 2.039 autónomos
 

Pontevedra, 6 de febreiro de 2018
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou hoxe as dúas novas liñas de apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria destinadas a autónomos e nas que o Goberno autonómico investirá preto de 16 millóns de euros.

Tal e como explicou Cores Tourís, trátase, por un lado, de axudas por valor de 14,6 millóns para impulsar o inicio da actividade, coas que se prevé beneficiar a 4.100 autónomos; e, por outro, subvencións destinadas a favorecer a contratación indefinida de traballadores en 190 empresas de autónomos, para as que se dedican 1,35 millóns.

O ano pasado, este tivo de incentivos permitiu destinar axudas a 239 autónomos do Salnés por un montante total de 643.955 euros. Na provincia foron 4,7 os millóns destinados a un total de 2.039 autónomos.

Os incentivos para a promoción do emprego autónomo teñen por obxectivo facilitar e axilizar a posta en marcha de novas iniciativas empresariais. O prazo de solicitude xa está aberto e rematará o próximo 1 de outubro. A Consellería de Economía, Emprego e Industria apoiará a cada autónomo con 2000 euros, unha cantidade que se duplicará ata os 4000 euros para os menores de 30 anos, os parados de longa duración e as persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social. Estas contías, segundo sexa o caso, incrementaranse nun 25% para as mulleres, emigrantes retornados, maiores de 45 anos ou no caso de que a empresa estea emprazada no rural. Deste xeito, as axudas neste programa oscilarán entre os 2000 e 8000 euros.

Financiaranse tamén as altas na Seguridade Social ou en mutualidade do colexio profesional que se formalicen entre o 1 de outubro de 2017 e o 30 de setembro de 2018, ambos inclusive.

O segundo dos programas está destinado a apoiar a contratación indefinida do primeiro, segundo e terceiro traballador en empresas de traballadores por conta propia. O prazo de solicitude tamén está xa aberto e rematará dependendo da data de contratación, segundo se especifica nas bases da convocatoria do DOG. Para a primeira contratación, concederanse axudas de 3000 euros, cando se trate dunha persoa sen emprego, que aumentará ata os 5000 euros para parados de longa duración e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social. No caso do segundo e terceiro traballador, a contía será de 5000 euros para os desempregados en xeral, que se incrementará ata os 7000 euros para os mesmos colectivos -parados de longa duración e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social-.

En todos os casos, e, ao igual que no primeiro dos programas, as axudas aumentarán nun 25% para as mulleres, emigrantes retornados, maiores de 45 anos e no caso de que a compañía estea situada nun concello do rural. Deste xeito, os apoios oscilarán entre os 3000 e 14.000 euros.

A principal novidade dos dous programas é o establecemento dunha maior contía nas axudas tanto para os parados de longa duración como para as persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.

En xeral, son axudas para impulsar o autoemprego en Galicia e apoiar a súa consolidación propiciando a creación de empresas e, polo tanto, mellorando a economía e reducindo as cifras de desemprego. Esta actuación enmárcase na Estratexia Autónomo 2020, a folla de ruta do Goberno galego para impulsar e consolidar o traballo por conta propia de 10.000 autónomos ao ano, orientándoo ás novas necesidades do mercado de traballo, como é a Industria 4.0.

Esta planificación conta en 2018, ao igual que en 2017, con 40 millóns de euros para seguir poñendo en marcha as axudas que se impulsaron por primeira vez este ano, como foron o Bono Autónomo ou a axuda que permite ampliar en 16 semanas a bonificación do Estado para a contratación do traballador que se atope cubrindo a baixa por maternidade ou paternidade.

Este ano, ademais, sumaranse novos programas para fomentar o relevo xeracional e para facilitar unha segunda oportunidade co fin de apoiar aos autónomos no inicio dunha nova actividade ou reemprender. O obxectivo final é que Galicia siga sendo unha terra de oportunidades e o mellor lugar para emprender.

Data de actualización: 06/02/2018