O titular da Xunta e o presidente da Fundación ONCE, Miguel Carballeda Piñeiro, firmaron un convenio de colaboración entre a Xunta e a Fundación ONCE
Feijóo avoga pola cooperación da Xunta e os axentes sociais para avanzar cara a unha sociedade na que ter distintas capacidades non signifique ter menos oportunidades

Lembra que a Xunta destinará neste exercicio preto de 103 millóns de euros á atención das persoas con discapacidade, 7,6 millóns máis que en 2017

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2018
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avogou hoxe pola cooperación da Xunta e os axentes sociais para seguir avanzando cara a unha sociedade na que ter distintas capacidades non signifique ter menos oportunidades, “temos que ser unha sociedade empática e temos que mellorar día a día. Así queremos construír Galicia”.

Nesta liña, subliñou que o convenio asinado hoxe contribuirá a afondar na relación entre a ONCE e a Xunta de Galicia e a eliminar as barreiras de todo tipo que as persoas con discapacidade teñen que afrontar, cunhas metas que abranguen a formación, a accesibilidade ou a empregabilidade. En virtude deste convenio a ONCE investirá 4 millóns de euros en 2 anos con posibilidade de prórroga.

Ademais, subliñou que a ONCE, xunto coa súa fundación e a súa corporación empresarial xera máis de 100.000 empregos directos e indirectos.

Ao longo da súa intervención, o presidente do Goberno galego lembrou que a Administración autonómica seguirá traballando co fin de dar unha cobertura maior e de máis calidade a aqueles que teñen limitada a súa autonomía persoal.

Ademais, sinalou que a Xunta destinará neste exercicio preto de 103 millóns de euros á atención das persoas con discapacidade, 7 millóns e medio máis que en 2017. Unha contía que permitirá colaborar máis e mellor coas organizacións sociais, incrementando a partida dos convenios coas federacións de discapacidade nun 5%; aumentar nun 60% a orde de axudas a entidades de ámbito municipal para mellorar os seus equipamentos en accesibilidade e para a supresión de barreiras arquitectónicas; e crear novas prazas de atención á discapacidade, ao aumentar a partida destinada a sufragar o seu custo ata acadar os 84 millóns de euros.

Así mesmo, ampliaranse os servizos da Rede Galega de Atención Temperá e atenderanse novos beneficiarios cun incremento orzamentario dun 16%.

Cómpre destacar, ademais, o progresivo crecemento do orzamento no eido dos maiores e as persoas con discapacidade, que este 2018 conta con preto de 413 millóns de euros. Ademais, resaltou que un dos obxectivos é incorporar novos beneficiarios ao sistema de atención á dependencia, reducir a lista de espera e alcanzar en 2018 os 60.000 dependentes atendidos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 06/02/2018