A Xunta asina un convenio de colaboración co Concello de Lugo para formar a 120 menores de 30 anos sen emprego

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, acompañado do delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, presentou a iniciativa Empregalia hoxe en Lugo

Levaranse a cabo 8 cursos vinculados a actividades auxiliares en viveiros e xardinería, operacións básicas de cátering e cociña, dinamización de actuacións de tempo libre e socorrismo

Marnotes salienta a importancia de adaptar os perfís profesionais aos novos requirimentos das empresas e destaca que a formación continua dos traballadores é clave para impulsar o emprego estable

Expón as medidas que está executando a Xunta en materia formativa para aumentar a empregabilidade dos galegos e galegas e actualizar a cualificación dos traballadores
 

Lugo, 8 de febreiro de 2018
  • whatsapp

A Xunta vén de asinar hoxe co Concello de Lugo un convenio de colaboración para ofrecer formación a 120 menores de 30 anos sen emprego nas especialidades de actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería, operacións básicas de cátering e cociña, dinamización de actividades de tempo libre educativo, infantil e xuvenil e socorrismo, tanto en espazos acuáticos naturais como en instalacións acuáticas. En global, a través do proxecto denominado Empregalia levaranse a cabo 8 accións formativas que dan acceso a certificados de profesionalidade con recoñecemento en todo o Estado.

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e a tenente de alcalde de Lugo, Ana Prieto Nieto, presentaron hoxe en Lugo a actuación cofinanciada polo Fondo Social Europeo, a través da Iniciativa de Emprego Xuvenil e Garantía Xuvenil. O orzamento que se investirá neste plan ascende a preto de 645.000 euros.

O Concello de Lugo desenvolverá os itinerarios formativos mentres que a Xunta, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, fará un seguimento das actividades formativas que se desenvolverán en centros de formación recoñecidos. A Administración autonómica, ademais, expedirá os correspondentes certificados de profesionalidade. Os alumnos seleccionaranse a través das oficinas de emprego.

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral sinalou a aposta da Xunta pola formación para o emprego e a súa importancia para dar resposta aos novos perfís profesionais que está demandando o tecido produtivo galego cara ao desenvolvemento do novo modelo industrial e, polo tanto, para incrementar as oportunidades laborais das persoas sen emprego. Así mesmo, puxo en valor a colaboración coas administracións locais para desenvolver este tipo de iniciativas e mellorar a empregabilidade da mocidade galega co obxectivo de que poidan atopar un emprego o máis axustado posible aos seus perfís profesionais.

Marnotes expuxo as ferramentas coas que conta o Goberno galego para impulsar a formación, entre as que destacou as unidades formativas na empresa dirixidas a empregados e ocupados, que permite ás compañías contar con persoal cualificado tras unha formación á carta, co apoio da Administración.

Para esta iniciativa, a Consellería de Economía, Emprego e Industria destina este ano 6,5 millóns de euros para formar a 2100 traballadores en 540 empresas galegas, que inclúe cualificación para firmas de sectores estratéxicos vinculados coa Axenda Industria 4.0.

Para rematar, o director xeral sinalou que con iniciativas como a que se presentou hoxe en Lugo estase contribuíndo a diminuír as cifras de desemprego xuvenil. No último ano, o desemprego diminuíu entre os menores de 30 anos nun 10,80% en Galicia.

“A Xunta ten na formación unha ferramenta fundamental para impulsar entre os máis novos o seu acceso ao mercado laboral”, concluíu.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 08/02/2018