O Plan de banda larga da Xunta e o operador R cumprirán este ano o obxectivo de conectar a redes de ata 350 Mbps 11 polígonos industriais da provincia de Ourense

O plan, impulsado pola Amtega, chegará durante 2018 a 4 superficies ourensás tras activar o servizo noutras 7 entre 2016 e 2017

Unha vez completado o plan, o 85% das superficies empresariais ocupadas da provincia terán acceso a redes de máis de 100 Mbps

Como complemento a esta actuación, a Xunta abriu no ano 2017 unha convocatoria de axudas para o acceso a banda larga ultrarrápida a empresas e autónomos situados en zonas illadas do rural

Ademais, a Amtega acaba lanzar unha convocatoria de axudas a operadores para estender internet de alta velocidade en núcleos de menos de 150 habitantes

Ourense, 8 de febreiro de 2018
  • whatsapp

O Plan de banda larga da Xunta facilitará este ano o acceso a internet con velocidades de ata 350 Mbps a outros 4 polígonos ourensás, acadando así un total de 11 superficies empresariais da provincia con redes ultrarrápidas. Así o anunciaron esta mañá a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, o director xeral de R, Alfredo Ramos, e a delegada da Xunta en Ourense, María Sol Díaz.

As actuacións do plan comezaron en agosto 2016 e ao remate de 2017 había 7 polígonos da provincia con este servizo de banda larga ultrarrápida. Unha vez completado o Plan o 85% das superficies empresariais ocupadas da provincia terán acceso a redes de máis de 100Mbps.

Ademais, como complemento a esta actuación, a Amtega abriu en 2017 unha convocatoria de axudas para dotar de redes ultrarrápidas a empresas e autónomos das zonas máis illadas do rural. Destináronse un total de 400.000 euros á subvencionar solucións específicas a 30 empresas que agora dispoñen de velocidades de acceso a internet de entre 50Mbps e 350Mbps.

350Mbps e servizos R de valor engadido


As empresas dos polígonos beneficiados desta actuación do Plan poden contratar servizos de Internet a través de fibra óptica cunhas velocidades de ata 350 Mbps de baixada e 35 de subida, e cunha garantía de caudal do 80% sen límite de descargas.

Ademais, R pon a disposición das empresas dos polígonos a tecnoloxía necesaria para que poidan acometer a súa transformación dixital. Nesta liña están os servizos e solucións na nube como a videoconferencia ou a posibilidade de usar os seus equipamentos e o software como servizo pagando só polo uso que deles fan, sen necesidade de investir. Outra opción á man destas empresas é o acceso aos servizos do chamado Internet das Cousas (IoT) e da industria 4.0, relacionados coa eficiencia enerxética, control de intrusións nas edificacións, servidores virtuais e analítica de datos (big data), entre outros.

Estas solucións intégranse en centros de datos profesionais, coma se formasen parte da rede local da empresa. Proximidade, polo tanto, e tamén flexibilidade para adaptarse ás necesidades dos negocios en cada momento.

E todo isto, grazas ás vantaxes das redes FTTH (Metro, RFoG, GPON...), que levan a fibra óptica ata a propia empresa nestes polígonos xa conectados ás redes ultrarrápidas de R

Prazos e orzamento


O plan xa completou o despregamento 51 polígonos da Comunidade e este ano chegará aos 30 restantes. Deste xeito, en 2018, un total de 130 polígonos, que concentran case o 93% da superficie empresarial ocupada, disporán de acceso a redes de máis de 100 Mpbs.

A Amtega subvenciona estes despregamentos cunha axuda de 3,4 millóns de euros, que xerarán un investimento total de 5,2 millóns de euros. Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).

Axudas para núcleos de poboación do rural


Tras as dúas primeiras actuacións orientadas a mellorar a conectividade no tecido empresarial, a Amtega acaba de poñer en marcha a terceira actuación para facilitar o acceso a redes ultrarrápidas en zonas do rural que non contan con esta cobertura nin previsión de dispoñer destas redes.

O pasado día 15 xaneiro publicouse no DOG unha axudas, cun importe de 14,2 millóns de euros, dirixida a operadores de telecomunicacións para facilitar o acceso a internet de cando menos 100Mbps en núcleos de menos de 150 habitantes.

Os operadores poderán actuar en calquera das 26.386 entidades de poboación de menos de 150 habitantes e noutros 80 núcleos de entre 150 e 300 habitantes. Poderán presentar varios proxectos cunha subvención mínima de 20.000€ para cada un deles ata esgotar a dotación orzamentaria prevista. O prazo de presentación e dun mes a contar dende o día seguinte á publicación no DOG.

As redes coas que se dote ás entidades de poboación deberán proporcionar servizos de cando menos 100 megas de baixada e 20 de subida, non establecer limitacións de descargas e permitir a realización de comunicacións de voz e vídeo en tempo real.

A Administración autonómica concederá unha subvención máxima do 90% do custo total de cada proxecto. Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).

Con esta medida a Administración autonómica actuará nos núcleos máis pequenos con fondos FEADER, mentres que o Estado focalizará os seus esforzos en cubrir as entidades de maior tamaño coas convocatorias xa en marcha e as que licite nos vindeiros anos no marco do Programa Nacional de Extensión da Banda Larga de Nova Xeración (PEBA).

Listado de Polígonos da Ourense cubertos e previstos en 2018

 
CONCELLO
POLÍGONO
DATA COBERTURA
ALLARIZ
PARQUE EMPRESARIAL DE CHORENTE
Cuberto
ALLARIZ

PARQUE EMPRESARIAL DE CHORENTE (POLÍGONO INDUSTRIAL DE ROIRIZ)

Cuberto
BARCO DE VALDEORRAS (O)
PARQUE EMPRESARIAL DE O BARCO DE VALDEORRAS
Cuberto
CARBALLEDA DE VALDEORRAS
POLÍGONO INDUSTRIAL DE A MÉDUA
Cuberto
CELANOVA
PARQUE EMPRESARIAL DE CELANOVA
Cuberto
RIBADAVIA
PARQUE EMPRESARIAL DE RIBADAVIA
Cuberto
VERÍN
PARQUE EMPRESARIAL DE VERÍN - PAZOS
Cuberto
PONTEDEVA
ZONA DE PROMOCIÓN INDUSTRIAL TRADO
Previsto 2018
VILAMARÍN
PARQUE EMPRESARIAL DE VILAMARÍN
Previsto 2018
VILAR DE SANTOS
PARQUE EMPRESARIAL SANTA MARTA
Previsto 2018
XINZO DE LIMIA
PARQUE EMPRESARIAL DE XINZO DE LIMIA
Previsto 2018
 
Imaxes relacionadas
Data de actualización: 08/02/2018