A Axencia Europea de Control da Pesca incorporará ao Servizo de Gardacostas ás xornadas de formación de inspectores da Unión Europea
Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2018
  • whatsapp

A Axencia Europea de Control da Pesca incorporará ao Servizo de Gardacostas ás xornadas de formación de inspectores da Unión Europea, que se celebrarán no mes de abril na Illa da Toxa. Así llo trasladou o director da Axencia Europea de Control da Pesca, Pascal Savouret, á conselleira do Mar, Rosa Quintana, durante unha xuntanza que mantiveron hoxe en Santiago. A través destas xornadas búscase formar aos inspectores dos Estados membro da UE para garantir a correcta aplicación das normas da Política Común de Pesca.

Durante a reunión, na que tamén estivo a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, Pascal Savouret deu conta a Rosa Quintana da actividade da Axencia Europea de Control da Pesca, que este ano celebra o décimo aniversario da súa creación. Ademais, o director da axencia expuxo á conselleira os traballos de colaboración que está a desenvolver co resto dos Estados membro para a correcta aplicación da política pesqueira da Unión Europea, entre eles a celebración das xornadas de formación de inspectores.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 08/02/2018