Sanidade estudiará a viabilidade da construción do novo centro saúde na parcela da Falperra que ofrece o concello da Coruña

O proxecto municipal que prioriza o mercado en Santa Lucía é incompatible cos estándares de calidade que precisaría o edificio para a asistencia sanitaria

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2018
  • whatsapp

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e representantes do Sergas coñeceron de primeira man a situación actual das propostas para dar cobertura sanitaria á zona de Federico Tapia. Foi o tema central dunha reunión mantida esta tarde co alcalde da Coruña e outros representantes municipais, e que tamén contou coa presencia do arquitecto Manuel Gallego Jorreto.

A Consellería de Sanidade insistiu ao Concello da Coruña que mellorar a asistencia sanitaria desta zona da cidade é prioritario para o departamento autonómico. Neste senso, Almuiña comprometeuse a estudar e revisar a oferta dunha parcela na Falperra cos técnicos do Servizo Galego de Saúde, e comunicar nun prazo breve de tempo a súa viabilidade. A dispoñibilidade da parcela que oferta o goberno local estaría suxeita á unha modificación do planeamento urbanístico.

O Sergas considera prioritario manter a poboación asignada aos profesionais do actual centro de saúde sen a reordenación dos actuais cupos para evitar desprazamentos innecesarios aos actuais usuarios.

Por outra banda, o Concello da Coruña recoñeceu as dificultades existentes para adaptar a estrutura do mercado de Santa Lucía ás necesidades asistenciais, en tanto que consideran que o mercado é un proxecto irrenunciable a nivel municipal. O devandito proxecto resulta así incompatible cos estándares de calidade que precisaría o edificio para a asistencia sanitaria.

O Sergas xa explicara anteriormente que a construción dun centro de saúde no Paseo das Pontes -cunha distancia aproximada dun km respecto ao actual- suporía que unha porcentaxe importante dos cidadáns asignados aos actuais cupos pasarían a ter máis próximos outros centros de saúde. Ademais a maioría da poboación usuaria do actual centro de Federico Tapia -o 57% dos usuarios- está localizada na zona da Falperra, cunha importante porcentaxe de persoas maiores que terían dificultades de accesibilidade.
 

Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 08/02/2018