Galicia oferta 394 prazas para a formación sanitaria especializada nesta convocatoria, 17 máis que o ano pasado

A especialidade de medicina familiar e comunitaria é a máis reforzada en Galicia, con seis prazas máis

Os aspirantes realizan hoxe as probas selectivas para o acceso á formación sanitaria especializada
 

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2018
  • whatsapp

Galicia oferta neste curso 2017/2018 un total de 394 prazas para a formación de residentes, 17 máis que o ano pasado cando a oferta de prazas foi de 377.

Os aspirantes realizan hoxe as probas selectivas para o acceso ás prazas de formación sanitaria especializada nos centros e unidades docentes acreditados, que no caso de Galicia son os sete complexos hospitalarios públicos, o concertado Povisa, e sete unidades docentes de Medicina Familiar e Comunitaria.

A oferta docente deséñase mediante a análise das necesidades a medio prazo de profesionais, tendo en conta os novos especialistas que se forman, as xubilacións, defuncións, excedencias, incapacidades temporais e contratacións. Estes datos permiten valorar que especialidades son excedentarias ou deficitarias en cada caso.

As novas prazas incrementadas na oferta deste curso repártense nas especialidades de medicina de familia e comunitaria, que aumenta seis prazas; as especialidades de anestesioloxía e reanimación, medicina interna e medicina física e rehabilitadora que aumentan dúas prazas cada unha; e as especialidades de análises clínicos, anxioloxía e cirurxía vascular, aparato dixestivo, cardioloxía, cirurxía xeral, cirurxía plástica, cirurxía torácica, oncoloxía radioterápica e radiodiagnóstico que aumentan unha praza. Por outra banda, neste curso 2017/2018 deixaron de ofertarse catro prazas nas especialidades cirurxía cardiovascular, neurocirurxía, oncoloxía médica e matrona.

Son importantes os beneficios de ir aumentando o número de prazas acreditadas para a formación de especialistas, xa que permite ter preparados os dispositivos necesarios para resolver a necesidade de especialistas de determinadas especialidades nun momento determinado.

A calidade da formación de especialistas representa claros beneficios, tanto para os pacientes, xa que implica unha mellora da calidade asistencial individual, como para os propios profesionais que contarán cunha maior profesionalización, convertíndose en especialistas de excelencia.
 

Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 10/02/2018