O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado Puente, visitou hoxe en Lugo as instalacións da entidade diocesana
A Xunta de Galicia salienta o importante papel dos centros de Cáritas na loita contra a exclusión e as desigualdades

O responsable do departamento autonómico de Inclusión garante a continuidade do apoio ás entidades sociais e destacou que nos últimos tres anos multiplicáronse por dous as axudas ata superar os 10 millóns de euros na última convocatoria

A Consellería de Política Social concedeu unha achega de 189.202 euros a Cáritas Lugo que se destina aos servizos de alimentación, roupeiro e subministro doutro material básico, así como a cursos de formación para o emprego
 

Lugo, 9 de febreiro de 2018
  • whatsapp

O director xeral de Inclusión Social da Xunta de Galicia, Arturo Parrado Puente, realizou hoxe unha vista ás instalacións de Cáritas de Lugo, onde coñeceu de primeira man os servizos de provisión de recursos básicos, como alimentación ou roupa, e de inclusión socio-laboral que ten en marcha a entidade diocesana. Arturo Parrado destacou a labor de Cáritas e do conxunto do tecido social no reforzo da rede autonómica de benestar.

Ao respecto, o director xeral puxo en valor as accións que desenvolve Cáritas contra a pobreza e a exclusión a través dos centros e recursos que ten espallados por toda a xeografía galega, e que “a converten nun axente social de primeiro orde para atallar as desigualdades e promover a inserción social e laboral das persoas en situación ou risco de vulnerabilidade”, apuntou.

Nesta liña, garantiu que o Goberno galego seguirá apoiando este traballo de Cáritas Lugo, como se pon de manifesto na nova achega concedida con cargo á orde de axudas para as anualidades 2017-2018, que ascende a preto de 190.000 euros. Un subvención que se destinou aos servizos de atención alimenticia e de apoio material básico (roupa, vivenda, subministracións...), así como á realización de cursos de formación para o emprego como o de operacións básicas de cociña que leva a cabo nestes momentos a entidade lucense.

Por outra banda, Arturo Parrado asegurou que a Xunta de Galicia continuará levando adiante un traballo coordinado coas entidades sociais para mellorar a situación dos fogares e persoas que máis precisan de apoio. Neste sentido, destacou o considerable incremento que nos últimos exercicios teñen experimentado as axudas as entidades que loitan contra a exclusión social a pé de rúa ata chegar aos 10 millóns de euros na última convocatoria, o dobre que fai tres anos.

Por último, destacou que a pesar de que a situación económica é hoxe mellor, o Executivo autonómico volve aumentar en 2018 os recursos económicos que destina para diminuír a exclusión e a desigualdade ao reservar para políticas de inclusión social 115,2 millóns de euros, o que supón un 8% máis que o ano pasado.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 09/02/2018