A Xunta súmase á celebración do Día Europeo do 112 apelando ao uso responsable do teléfono de emerxencias

O Goberno galego súmase a acción divulgativa e de concienciación sobre os beneficios deste servizo no Día Europeo do 112, que se celebra mañá

Cómpre lembrar que este teléfono foi lanzado no ano 1991 co obxectivo de proporcionar un número de urxencia común, gratuíto e dispoñible as 24 horas dos 365 días do ano en toda a UE

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2017
  • whatsapp

A Xunta de Galicia súmase á celebración do Día europeo do 112 apelando á necesidade de seguir concienciando á cidadanía sobre a importancia de facer un uso responsable do número de emerxencias 112.

Deste xeito, o Goberno galego únese á acción divulgativa e de sensibilización sobre os beneficios deste servizo no Día Europeo do 112, que se celebra mañá e que o sitúa como un referente a nivel internacional no ámbito das emerxencias.

Cómpre lembrar que o 112 foi lanzado no ano 1991 co obxectivo de proporcionar un número de emerxencia común, gratuíto e dispoñible as 24 horas dos 365 días do ano en todo o territorio da Unión Europea.

En Galicia, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 atende e xestiona as chamadas de emerxencia da Comunidade Autónoma e coordina os medios e recursos que interveñen na resolución das emerxencias para o que conta con procedementos e guías de actuación, adaptadas e constantemente actualizadas, para cada tipo de emerxencia.

Ademais, co fin de garantir a correcta atención e xestión das emerxencias o 112 galego conta cun sistema de xestión de calidade baixo a Norma UNE-EN:ISO 9001 e co certificado de EENA (Asociación Europea de números de emerxencias). Igualmente, ten publicada a súa Carta de Servizos, unha ferramenta de traballo que favorece a evolución permanente en perfecta consonancia coas necesidades e esixencias da cidadanía.