A Consellería de Educación convoca o V Campionato Galego de FP, GaliciaSkills 2018

Os candidatos deberán presentarse antes do 23 de marzo

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2018
  • whatsapp

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de convocar o V Campionato Galego de Formación Profesional, GaliciaSkills 2018, que se celebrará o vindeiro mes de novembro no recinto da Feira Internacional de Galicia Abanca, en Silleda. A competición busca darlle unha maior proxección e difusión á FP que se imparte na nosa Comunidade Autónoma, e que en anos anteriores ten colleitado amplos éxitos na edición a nivel nacional, SpainSkills.

O campionato, de carácter eminentemente práctico, consistirá no desenvolvemento de 23 competicións relacionadas coas especialidades (skills) de formación profesional, nas que o alumnado participante medirá as súas destrezas e demostrará as súas capacidades na realización das correspondentes probas. En concreto as especialidades convocadas son as de Tecnoloxía do automóbil, Pintura do automóbil, Pintura e decoración, Fontanería e calefacción, Instalacións eléctricas, Ebanistaría, Xardinaría paisaxística, Refrixeración e aire acondicionado, Mecanizado, Electrónica, Control industrial, Mecatrónica, Robótica móbil, Soldadura, Solucións de software para empresa, Floraría, Tecnoloxía da moda, Peiteado, Estética, Panadaría, Cociña, Servizo de restaurante e bar e a de Recepción hoteleira. Ademais, haberá unha demostración de Animación 3D e xogos.

Os centros que queiran presentar alumnado a esta convocatoria deberán facer efectiva a súa solicitude, cubrindo unha inscrición por cada skill en que participen, que debe remitirse, antes do día 23 de marzo de 2018, ao enderezo de correo electrónico sxfp@edu.xunta.es. O modelo e a información poden atopala no portal de FP, no enlace http://www.edu.xunta.es/fp/galiciaskills-2018 .

Os centros poderán presentar a este campionato un estudante por cada especialidade, coa excepción das de Mecatrónica e Xardinaría paisaxística, nas que participarán en equipo de dúas persoas por centro. O número mínimo de centros educativos inscritos en cada competición será de catro e, excepcionalmente, poderá autorizarse un número menor. En calquera dos casos, o número de alumnos competidores non será menor de catro.

As persoas competidoras serán os matriculados neste curso en ciclos formativos, que voluntariamente queiran participar, e que teñan unha idade máxima de 21 anos feitos durante 2018 coa excepción de Mecatrónica, na que os participantes terán como máximo 24 anos feitos durante o 2018. Acompañaraos un profesor ou unha profesora do centro, que actuará como titor ou titora, e que se encargará da súa preparación para a competición.

Haberá dous premios por competición. A persoa gañadora do primeiro premio en cada skill competirá representando a Galicia na Olimpíada Nacional de Formación Profesional, SpainSkills 2019, que se celebrará en Madrid. Este alumnado, xunto cos xefes e as xefas de equipo, conformarán o equipo galego que representará a nosa comunidade autónoma en SpainSkills 2019. Ademais, todas as persoas participantes recibirán un diploma acreditativo de ter participado neste campionato. O profesorado que participe recibirá a correspondente certificación de participación na actividade de innovación educativa GaliciaSkills 2018, cunha equivalencia de 15 horas de formación permanente do profesorado.

Data de actualización: 11/02/2018