A Xunta activa a alerta laranxa por temporal costeiro no litoral da Coruña a partir desta madrugada

A Xunta recorda a necesidade de extremar as precaucións, seguir as medidas de protección pertinentes e consultar a súa web www.112galicia.org

Mañá estará activa a alerta amarela por neve en zonas das provincias de Lugo e Ourense
 

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2018
  • whatsapp

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta vén de activar a alerta laranxa por un temporal costeiro que comezará esta madrugada e que afectará o litoral da provincia da Coruña.

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), a partir das 00,00 horas do día 13 de febreiro agárdase mar combinada do noroeste con ondas de 4 a 5 metros no oeste e noroeste da provincia da Coruña. No litoral de Pontevedra e Lugo estará activa a alerta amarela.

Recórdaselle á poboación a importancia de seguir as medidas de protección como evitar aproximarse a diques ou rompentes co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos ou vixiar posibles caídas de obxectos desde balcóns e fiestras. Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.

Alerta amarela por neve


Ademais, desde esta madrugada, tamén se activará a alerta amarela por neve na montaña de Lugo e de Ourense. Agárdanse acumulacións de 5 centímetros por riba dos 900 metros.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/02/2018