O conselleiro de Economía, Emprego e Industria asistiu esta mañá á posta en marcha da infraestrutura
Conde destaca que a nova subestación de Ribadeo suporá un resorte na rede de subministración eléctrica da Mariña Oriental

Salienta a súa contribución ao benestar de 56.000 veciños de Ribadeo, Trabada, Barreiros e A Pontenova, así como o impulso á actividade industrial

Sinala que a colaboración institucional contribuíu a que este proxecto se puidese desenvolver

Esta nova peza na rede de subministración consolida Galicia como unha terra enerxeticamente eficiente, na que o sector representa o 4,3% do PIB e xera máis de 22.000 empregos cun investimento da Xunta, desde 2009, de 1.400 millóns de euros

Ribadeo (Lugo), 13 de febreiro de 2018
  • whatsapp

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou esta mañá, durante a posta en marcha da subestación eléctrica de Ribadeo, que esta nova infraestrutura actuará como un resorte na rede de subministración da Mariña Oriental.

Na visita ás novas instalacións, Conde agradeceu a Viesgo-Begasa -empresa que dá servizo ao 67% dos puntos de subministración da provincia de Lugo- o cumprimento do seu compromiso de poñer en marcha esta subestación que mellorará a calidade do servizo ofrecido a 56.000 veciños dos concellos de Ribadeo, Barreiros, Trabada e A Pontenova e que suporá un impulso á actividade industrial, especialmente das empresas ubicadas no polígono de Ribadeo. “A subestación terá un importante impacto nos veciños e nas empresas e suporá unha mellora para evitar os cortes e microcortes que teñen tanta incidencia na calidade de servizo”, asegurou.

O conselleiro tamén destacou a colaboración institucional representada polos concellos, a Xunta e o Estado a través do Sepes e que permitiu impulsar o desenvolvemento deste proxecto, incidindo na importancia de que o polígono e as súas parcelas puideran beneficiarse da nova infraestrutura.

Coa posta en funcionamento da subestación, Galicia conta cunha nova peza na rede de subminisstración eléctrica galega que contribuirá a reforzar os puntos da Mariña e da provincia de Lugo e a consolidar Galicia como unha terra enerxeticamente eficiente. Neste sentido reforza un sector, o enerxético, que representa o 4,3% do PIB e que xera na Comunidade máis de 22.000 empregos cun investimento por parte da Xunta, desde 2009, de 1.400 millóns de euros na mellora das redes de transporte e distribución eléctrica da Comunidade.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/02/2018