A Xunta inicia o Plan de actividades do ISSGA 2018 con 74 actuacións para reducir a sinistralidade e formación para 1.200 persoas

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, presentou hoxe en Santiago as accións máis destacadas que levará a cabo o Instituto de Seguridade e Saúde de Galicia (ISSGA) en materia de prevención de riscos laborais

Desenvolverase un programa integral dirixido á protección da maternidade no ámbito laboral e actuacións de promoción de prevención de riscos en sectores con alta presenza de mulleres

Incidirase nos traballadores de máis de 55 anos e nos autónomos e prestarase especial atención, entre outros, aos sectores forestal, pesqueiro, naval, da construción, ao pequeno comercio e ás actividades vinculadas coas augas minerais e termais

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2018
  • whatsapp

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, acompañada pola directora do Instituto de Seguridade e Saúde de Galicia (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, presentou hoxe en Santiago o Plan de Actividades do Instituto para este ano, que inclúe un total de 74 actuacións divididas en 7 eixos e a oferta formativa, que se impartirá en prevención de riscos laborais, coa que se prevé chegar a 1200 persoas.

Toca destacou que se trata dunha iniciativa consensuada cos interlocutores sociais e que responde aos obxectivos da Estratexia galega de Seguridade e Saúde no Traballo 2017-2020 que está desenvolvendo a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do ISSGA. A secretaria xeral de Emprego explicou que os retos son mellorar a eficiencia na coordinación entre as administracións en materia de prevención de riscos laborais; impulsar a implicación dos interlocutores sociais; facilitar a xestión preventiva e reforzar a vixilancia e o control; potenciar a análise e investigación dos accidentes; fomentar programas en sectores de alta sinistralidade; e acadar unha formación de calidade para consolidar a cultura preventiva na sociedade galega.

Sobre a oferta formativa para 2018, Toca salientou que inclúe importantes novidades para dar resposta a cambios normativos e técnicos para clarificar e facilitar o cumprimento e adaptación ás novas obrigas en prevención de riscos laborais. Deste xeito, levaranse a cabo 50 xornadas técnicas centradas en temas novidosos como a volta ao traballo tras unha baixa de longa duración por accidente ou enfermidade ou a utilización de drons na supervisión das medidas de seguridade nas grandes obras de infraestrutura pública.

Así mesmo, desenvolverase formación dirixida a 1200 persoas: 12 cursos presenciais para 600 desempregados e ocupados, que se complementarán con 5 accións en liña para 450 persoas e un curso dirixido a 150 autónomos. Ademais, e, tal e como apuntou Toca, reeditarase a colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para incluír a saúde laboral en 54 centros de formación de Primaria, Secundaria e de Formación Profesional. Ademais, continuarase impulsando o labor da Escola Galega de Prevención. Toda a oferta formativa levarase a cabo nas 4 provincias galegas.

Con respecto ao plan de actividades, a secretaria xeral de Emprego salientou o programa integral dirixido á protección da maternidade no eido laboral a través dunha campaña na que se lembrará ás empresas as súas obrigas neste eido, ao tempo que se realizarán visitas para comprobar o cumprimento da Lei neste ámbito. Levaranse a cabo tamén actuacións de promoción de prevención de riscos laborais en sectores con alta presenza de mulleres para contribuír á integración da igualdade na xestión nos centros de traballo.

Doutra banda, a secretaria xeral de Emprego sinalou que o Plan de Actividades 2018 incidirá nos traballadores de máis de 55 anos, ao tempo que se realizarán accións de promoción do envellecemento activo.

Así mesmo, executarase unha campaña dirixida aos traballadores tras unha baixa de longa duración por accidente ou enfermidade e porase en marcha o programa Alerta: pode haber amianto dirixido a administracións, autónomos, empresarios e traballadores en xeral para unha posible identificación de amianto en pequenas obras.

Por último, prestarse especial atención aos sectores económicos con maiores índices de sinistralidade como o forestal, pesqueiro, o naval, a construción, o pequeno comercio de alimentación ou ás actividades relacionadas con augas mineiras e termais.

A secretaria xeral de Emprego, para rematar, puxo en valor o labor que desenvolve o ISSGA, en colaboración cos interlocutores sociais, para reducir a sinistralidade laboral na Comunidade autónoma, unha prioridade para o Goberno galego.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/02/2018