Medio Rural busca ir da man das cinco denominacións de orixe de viño de Galicia para atender as necesidades do sector

A conselleira do Medio Rural reuniuse hoxe cos representantes dos consellos reguladores e marcouse como obxectivo simplificar os seus trámites administrativos

Os cinco órganos de xestión destas DO recibiron máis de dous millóns de euros en distintos conceptos de axuda no 2017
 

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2018
  • whatsapp

A Consellería do Medio Rural busca reforzar a relación que xa viña mantendo coas cinco denominacións de orixe de viño galegas. De feito, hoxe a conselleira Ángeles Vázquez, acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, mantivo un encontro cos responsables dos consellos reguladores para escoitar de primeira man as súas necesidades e convertelos en interlocutores directos da Xunta. O obxectivo é manter unha comunicación fluída cun sector tan importante para a comunidade como é o do viño, que só a través da vendima move máis de 209 millóns de euros, cifras que se multiplican tras o paso da uva pola industria.

Entre as demandas que trasladaron os portavoces está a dunha simplificación administrativa para todos os procesos que implican ao sector. A conselleira comprometeuse a traballar por este obxectivo e a facelo da man dos consellos reguladores para facilitar o seu traballo diario e favorecer a boa marcha deste ámbito.

Neste sentido, tamén se pretende a modificación de certos regulamentos ou normas que afectan aos viticultores e adegas galegos á hora de recibir axudas, como pode ser o sistema de autorizacións de plantacións de viñedo ou as achegas de promoción en terceiros países. De feito, trátase da industria agroalimentaria máis exportadora. Ángeles Vázquez sinalou que dende o seu departamento se loitará por “defender os intereses do sector”. “Porque somos conscientes do labor que realizan os produtores e as indutrias vitivinícolas, non só porque xeran postos de traballo e riqueza no rural, senón como vertebradores do territorio”, declarou a titular de Medio Rural.

Axudas 2017

Na reunión de carácter técnico desta mañá tamén se avaliou o apoio da Xunta a estes consellos reguladores. Ao longo de 2017 os cinco órganos de xestión das DO vitivinícolas recibiron máis de dous millóns de euros en distintos conceptos de axuda para promocionar os seus produtos e asegurar un control sobre eles.

Estas achegas son facilitadas pola consellería en concepto de asistencia e organización de feiras, ademais doutro tipo de promocións, por estudos que levan a cabo estes órganos para mellorar as producións e polos programas de control sobre os mesmos. Tamén hai partidas para facilitar o funcionamento dos propios consellos reguladores, que son os órganos que xestionan de forma autónoma cada unha destas marcas de calidade, baixo a supervisión da Xunta.

Seguros agrarios

Ademais, o pasado ano fíxose un importante esforzo por recoller as demandas dos viticultores co fin de facer máis atractivas as pólizas. Neste sentido, no 2017 chegouse ás 518 pólizas na liña de uva para vinificación, con 1.906 hectáreas e 13 millóns de quilos de uva asegurados. Con estes datos calcúlase que aproximadamente un 25% da superficie de viñedo baixo denominación de orixe esta asegurado. O obxectivo deste departamento é seguir aumentando as cifras.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/02/2018