A Xunta abre a todas as entidades e empresas a xestión dos centros para maiores de Cambados, Redondela e Cuntis nunha nova licitación

Logo de quedar deserta a primeira convocatoria, a Administración autonómica impulsa un novo procedemento que terá que publicarse no Diario Oficial de Galicia (DOG), o Boletín Oficial do Estado (BOE) e no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE)

Os tres recursos do Consorcio Galego de Benestar incrementarán a oferta da rede autonómica en 85 prazas de centro de día e 21 de fogar residencial
 

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2018
  • whatsapp

A Xunta de Galicia, a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, saca de novo a licitación o concurso para optar á xestión dos centros de maiores de Cambados, Cuntis e Redondela, logo de quedar deserta a primeira convocatoria.

Este novo procedemento será aberto a todas as entidades ou empresas que cumpran os requisitos de solvencia esixidos no prego de condicións, a diferencia do anterior proceso publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado 15 de xaneiro que estaba reservado a centros especiais de emprego –aqueles que teñen a lo menos un 70% de discapacitados no seu persoal-, e ao que non se presentaron ofertas.

O novo proceso de licitación deberá ser publicado novamente no DOG, no Boletín Oficial do Estado (BOE) e no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE), abríndose outra vez, polo tanto, os prazos de presentación.

Así as cousas, a entrada en funcionamento dos novos centros de día de Cambados e Cuntis e da oferta residencial do centro de maiores de Redondela quedará a expensas do resultado desta nova licitación. Cómpre indicar que o equipamento de Redondela entrou en funcionamento en decembro de 2016 e que o concurso servirá tamén para ampliar de 20 a 25 as súas prazas de centro de día.

En conxunto, este ano, cando os centros de Cambados e Cuntis e o fogar residencial de Redondela estean operativos, a oferta autonómica para a atención aos maiores aumentará en 85 prazas de centro de día (40 en Cambados; 40 en Cuntis; e 5 máis en Redondela) e en 21 prazas residenciais.

Data de actualización: 13/02/2018