Cultura licita o acondicionamento do cabido do mosteiro de Santa Catarina de Montefaro (Ares)

A Consellería destina máis de 109.000 euros a esta actuación

O espazo dedicarase a sala de interpretación
 

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2018
  • whatsapp

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a licitación do contrato de obras de acondicionamento do cabido para sala de interpretación no mosteiro de Santa Catarina de Montefaro, en Ares (A Coruña), declarado Ben de Interese Cultural na categoría de conxunto histórico. O orzamento previsto para esta intervención ascende a máis de 109.000 euros.

Deste xeito dáse cumprimento ao convenio asinado o pasado mes de agosto entre o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o alcalde de Ares, Julio Iglesias, para a posta a disposición dos terreos e inmobles necesarios para a execución das obras de acondicionamento deste espazo. Cómpre lembrar que a Consellería desenvolveu, ademais, reparacións urxentes de elementos puntuais do mosteiro por importe de máis de 55.000 euros.

Configuración orixinal

A orixe deste mosteiro está no convento de franciscanos fundado en 1392 por Fernán Pérez de Andrade e que gozou de grande prosperidade ata a súa exclaustración en 1835. O uso dos edificios como cuartel militar alterou os espazos que esta intervención busca devolver ao seu antigo estado.

Para iso, recuperarase a configuración orixinal do templo cun cabido previo á nave da igrexa. Realizaranse tamén traballos de conservación nos bens artísticos con máis valor do mosteiro, en concreto labores de protección das pinturas murais situadas na cara exterior dos muros cara o claustro, e traballos para frear o proceso de deterioro do retablo con problemas de ataque de termes.

Así mesmo, crearase un espazo para a exposición das pezas escultóricas e arquitectónicas que formaron parte da construción gótica e actuarase sobre as propias pezas que se instalarán nesta sala. Tamén se resolverán os problemas de humidade na cuberta e nas carpinterías do coro da igrexa, e mellorarase a iluminación e a accesibilidade do templo.

A intervención inclúese no Plan estratéxico para a protección e conservación do patrimonio cultural de Galicia da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, dentro da medida Conservación dos mosteiros, conventos, abadías, igrexas e patrimonio eclesiástico galego do obxectivo operativo Conservar o patrimonio cultural galego.
 

Data de actualización: 14/02/2018