A Fundación Pública Galega Camilo José Cela estrea nova museografía

O conselleiro de Cultura inaugurou hoxe o novo percorrido expositivo, que incorpora materiais da exposición do centenario do Nobel así como os fondos do Museo ferrocarrileiro John Trulock

Padrón (A Coruña), 14 de febreiro de 2018
  • whatsapp

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, inaugurou hoxe a nova museografía da sede da Fundación Pública Galega Camilo José Cela, situada en Iria Flavia (Padrón, A Coruña), un novo percorrido expositivo que avanza de forma cronolóxica na traxectoria do Nobel galego e que incorpora tanto materiais da exposición CJC. El centenario de un Nobel como os fondos do Museo ferrocarrileiro John Trulock. No acto participaron tamén secretario xeral técnico, Jesús Oitavén; e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

Román Rodríguez explicou que o investimento de 50.000 euros realizado nesta mellora permitirá un mellor achegamento á figura do premio Nobel adaptándoa a tódolos públicos. De feito, a nova museografía ten un marcado carácter educativo, cun discurso cronolóxico, de forma que os visitantes iniciarán o percorrido co nacemento do escritor padronés o 11 de maio de 1916 para finalizar co seu pasamento e, a través das distintas salas, irán coñecendo os fitos máis importantes na vida e na obra de Cela.

Ademais, o novo discurso expositivo permitirá aos visitantes achegarse a facetas menos coñecidas coma a de viaxeiro, pintor, actor, editor, etc; grazas á incorporación das directrices xa marcadas polo comisario da exposición conmemorativa do centenario do nacemento do escritor, Adolfo Sotelo Vázquez, da que proceden unha gran parte dos materiais novos que agora se expoñen. Neste sentido, o conselleiro quixo agradecer a Acción Cultural Española a doazón destes recursos.

Fondos ferrocarrileiros

Así mesmo, o titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia salientou que a nova museografía permite dar resposta a unha demanda histórica da sociedade civil padronesa, a de incorporar ao Museo Camilo José Cela o Museo ferrocarrileiro John Trulock. A este respecto, quixo agradecer a intensa colaboración da Fundación de Ferrocarriles Españoles, entidade propietaria da meirande parte destes fondos.

Entre os materiais que agora se poderán contemplar na sede da Fundación hai documentos orixinais da The West Galician Company -que facía o traxecto entre Cornes (Santiago de Compostela) e Carril (Pontevedra)-, coleccións ferroviarias, elementos de vía e mesmo un Ford T de 1917 igual ao que posuía o propio Trulock, avó do Nobel e un dos principais artífices da primeira liña ferroviaria que houbo en Galicia.

Outras melloras

A remodelación permitiu, ademais de mellorar o percorrido museográfico de Iria modernizando tanto o continente coma o contido do museo, renovar o sistema de seguridade das distintas salas e espazos expositivos e eliminar as humidades presentes en diversas salas.

O conselleiro quixo salientar que a renovación do museo permitirá avanzar no labor de protexer e dar a coñecer o valioso legado que o Nobel doou a Galicia e que se conserva na sede de Iria Flavia, e agradeceu o esforzo feito por todas as partes implicadas para que a sede da Fundación Pública Camilo José Cela sexa unha visita recomendable para quen se achegue a Galicia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/02/2018