A Xunta dá a benvida a un grupo de mozos e mozas italianas que visitarán Santiago no marco do programa Xuventude no Mundo

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, deu a benvida á expedición que desde hoxe e ata o luns se mergullarán na cultura e patrimonio histórico galego

A Administración local convocou 75 prazas para catro intercambios xuvenís en Italia, Xeorxia e Xapón neste 2018
 

Santiago, 14 de febreiro de 2018
  • whatsapp

A Xunta de Galicia propicia que 21 mozos e mozas italianos visiten Santiago no marco do programa de intercambios xuvenís a Xuventude no Mundo. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, deu a benvida aos participantes que, desde hoxe e ata o vindeiro luns 19, participarán no intercambio de “encontro de culturas e do patrimonio histórico” grazas ao cal poderán coñecer a cidade de Santiago de Compostela, así como interactuar con mozos e mozas galegos cos que intercambiarán experiencias e coñecerán a cultura da nosa terra.

Esta visita forma parte dos intercambios convocados no pasado ano. Neste 2018, a Administración autonómica, ao abeiro de Xuventude no mundo, convocou 75 prazas para catro intercambios xuvenís en Italia, Xeorxia e Xapón grazas ás relacións bilaterais que mantén con distintas entidades noutros países co fin de potenciar entre a mocidade a adquisición de experiencias, habilidades e competencias.

O intercambio cubre o aloxamento en réxime de pensión completa en cuarto de uso múltiple, o transporte no ámbito do intercambio e as actividades organizadas pola entidade de acollida. Pola súa banda, o participante farase cargo dos gastos de desprazamento ata o lugar de aloxamento, así como do seguro de viaxe, accidente e enfermidade.

Italia conta con dous intercambios. O primeiro deles será a Sicilia entre os días 11 e 17 de marzo e se desenvolverá baixo o título Mocidade para a inclusión de inmigrantes. Oferta 20 prazas e os participantes realizarán actividades de ocio educativo e culturais; charlas coloquios sobre as sociedades multiculturais e políticas de integración; workshops sobre mediación e comunicación intercultural; reunións con autoridades locais; encontros con mozos e mozas sicilianos e cea intercultural.

O segundo terá lugar en Venecia entre o 28 de marzo e o 3 de abril e versará sobre a arte e historia da cidade. Contará tamén con 20 prazas e os asistentes, ademais de realizar actividades de ocio educativo e culturais, visitarán a Basílica e a Praza de San Marcos, o Palacio Ducal, as illas de Murano e Burano, o Teatro La Fenice, o Museo da Historia Natural e tamén coñecerán a mozos e mozas do lugar cos que celebrarán unha cea intercultural.

A diversidade dos costumes, a convivencia entre culturas diferentes é o nome do intercambio coa Tiblisi (Xeorxia) que se celebrará do 16 ao 22 de xullo e no que participarán 5 rapaces e rapazas. Ademais das actividades de ocio, workshops e dos encontros coa mocidade da cidade, os participantes visitarán o Ministerio de relacións e Asuntos Exteriores de Xeorxia e as covas de Sataplia.

O intercambio coa prefectura de Wakayama (Xapón), conmemorará o 20 aniversario do irmandamento do Camiño Kumano Kodo co Camiño de Santiago. Realizarase entre o 3 e o 10 de setembro e ofértanse 30 prazas (máis do dobre que na convocatoria do 2017). Aqueles que asistan terán a oportunidade de percorrer durante tres días o Camiño Kumano Kodo, visitarán lugares tradicionais da cultura xaponesa, coñecerán a mozos e mozas de dita prefectura e aloxaranse durante tres días con familias xaponesas. Cómpre destacar que os participantes neste intercambio deberán adquirir o compromiso de acoller no seu domicilio particular en Galicia durante 3 días a dous mozos ou mozas xaponeses, con motivo do desenvolvemento do intercambio de acollida en Galicia.

Desde a Xunta de Galicia, apóstase por facilitar experiencias no estranxeiro á mocidade galega en viaxes de ida e volta coa fin de mellorar as súas habilidades, as súas competencias lingüísticas e os seus coñecementos sobre outros estilos de vida e culturas. Esta aprendizaxe e implicación activa serviralles para a súa vida persoal pero tamén para mellorar a súa empregabilidade.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/02/2018