A Xunta destinou desde 2009 preto de 400.000 euros para a promoción da igualdade no concello de Ribadeo

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitou hoxe o Centro de Información á Muller do concello, que foi o principal beneficiario destas axudas

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2018
  • whatsapp

A Xunta investiu desde 2009 preto de 400.000 euros no concello de Ribadeo co obxectivo de promover distintas políticas de igualdade. A maioría deste orzamento destinouse a financiar o Centro de Información á Muller (CIM) do concello.

Así o sinalou hoxe a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, durante a súa visita esta tarde ás instalacións do CIM. Alí, a secretaria xeral destacou a importancia deste tipo de centros, que son a primeira porta de entrada para moitas mulleres que precisan atención especializada e asesoramento en casos de violencia de xénero.

Por iso, o Goberno galego mantén unha importante aposta nos últimos anos para financiar estes centros, a través fundamentalmente da orde de subvencións á entidades locais para a promoción da igualdade, cofinanciada polo Fondo Social Europeo (FSE).

Ribadeo, ademais, está adherido á Rede de entidades locais contra a violencia de xénero, da que xa forman parte actualmente 190 concellos. A Xunta ofrece a estes concellos un amplo abano de actividades relacionadas coa promoción da igualdade, como cursos de defensa persoal, obradoiros educativos e de sensibilización, ou exposicións.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/02/2018