O Goberno galego incrementa ata 2.050 prazas a oferta pública de emprego de docentes, o maior reforzo nos últimos dez anos

A Xunta seguirá traballando para que as sucesivas ofertas de emprego público favorezan a redución da interinidade na educación pública ata a contorna do 6%

Feijóo sinala que as oposicións arrancarán unha vez remate o curso escolar
 

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2018
  • whatsapp

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe a aprobación no Consello da Xunta da Oferta de Emprego Público no ensino non universitario galego para 2018, que será o maior reforzo do corpo docente galego dos últimos dez anos, cun total de ata 2.050 prazas -131 máis que na proposta inicial- en 30 especialidades diferentes.

Trátase, explicou o titular do Executivo galego, do dobre que en 2017, cando se lanzaron 1.043 prazas, e en cinco especialidades máis. A continuación, precisou que as 2.050 prazas repartiranse do seguinte xeito: 1.050 profesores de ensino secundario, o dobre que o ano pasado; 160 profesores técnicos de FP, duplicando tamén a cifra de 2017; 30 profesores de Escolas Oficiais de Idiomas, que o ano pasado non se convocaran; 705 mestres; e 105 catedráticos de Música e Artes escénicas.

Así mesmo, o reparto das prazas segundo o acceso será o seguinte: 1.072 de reposición; 581 de estabilización do emprego temporal; 397 de promoción interna. Por tanto, sinalou, 1.653 prazas serán de acceso libre.

Logo de subliñar que as oposicións arrancarán unha vez remate o curso escolar, Feijóo afirmou que o Executivo galego seguirá traballando para que as sucesivas ofertas de emprego público favorezan a redución da interinidade na educación pública ata a contorna do 6%.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 22/02/2018