A Xunta convocará de novo aos sindicatos de xustiza para negociar sobre todos os puntos obxecto de controversia

Rueda recorda que os representantes do Goberno galego non abandonaron nunca a negociación e lamenta os danos que a folga está a causar aos cidadáns

Destaca que a Xunta está a cumprir o encomendado polo Parlamento e que a oferta do Goberno sitúa aos traballadores por riba da media salarial das CCAA
 

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2018
  • whatsapp

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, adiantou que a Xunta convocará mañá de novos aos sindicatos da Administración de Xustiza co obxectivo de volver negociar sobre todo os puntos obxecto de controversia.

Así o explicou hoxe durante unha comparecencia parlamentaria, na que deu conta dos pasos dados pola Xunta ata o momento, así como dos detalles da última oferta realizada aos sindicatos por parte da Administración autonómica.

Neste sentido, Rueda lembrou que os representantes do Goberno galego non abandonaron nunca a negociación, e que mostraron sempre a súa vontade de dialogar para chegar a un acordo e evitar así os prexuízos que se están causando á cidadanía no exercicio dos seus dereitos.

É nesta mesma vontade de diálogo onde se inscribe a oferta do vicepresidente de incorporarse persoalmente ás negociacións sempre que se produza unha suspensión da folga -non unha desconvocatoria- mentres se manteñen as conversas.

A Administración autonómica mantivo ata agora un total de 12 reunións mantidas cos representantes dos traballadores e ten realizada ata 4 ofertas económicas, cada unha superior á anterior.

O Goberno galego cumpre así o encomendado polo Parlamento galego, que no seu acordo de decembro establecía a necesidade de mellorar as retribucións dos traballadores e situalas na media do resto de comunidades autónomas.

Así, a última oferta económica posta sobre a mesa ascende a 90 euros ao mes para o persoal xestor, 76 euros para o persoal tramitador, e 68 para o persoal auxiliar. Isto é, unha media de incremento de 1.000 euros ao ano, unha oferta que situaría de forma efectiva a Galicia por riba da media do que cobra o persoal destes corpos en España.

Hai que ter en conta que a este incremento sumaríase tamén o aumento que se aplicará a todo o persoal empregado público, que segundo o Goberno central será de ata o 8% nos vindeiros tres anos.

Durante a negociación, a Xunta tamén tratou de ampliar os puntos de negociación de xeito que redundasen nunha mellora do servizo público, en beneficio dos traballadores e tamén da cidadanía. Así, a última oferta non consiste só nunha oferta económica, senón que tamén inclúe outras melloras como a consolidación de 36 postos de reforzo, cuxo custo supera o millón de euros; a reordenación das prazas para incorporalas a onde sexa máis necesario; ou abonar o 100 por cen das retribucións nos casos de substitucións dun corpo superior, a través da modificación da norma, previo ditame dun experto que xa está encargado.

Ofrecéronse outras melloras adicionais, como o incremento dos permisos de maternidade (de 16 a 20 semanas) e de paternidade (de 29 días a 5 semanas); o establecemento dun complemento mensual por obxectivos ao funcionariado que traballa nos xulgados de violencia de xénero, que pode chegar a 100 euros ao mes; ou a creación de 7 prazas de psicólogos nos servizos de atención á vítima das sete grandes cidades.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 06/03/2018