A conselleira de Infraestruturas e Vivenda informou hoxe no Parlamento de Galicia sobre o desenvolvemento do Plan de seguridade viaria 2016-2020
A Xunta licitará mañá 3 campañas de concienciación en seguridade viaria dirixidas aos colectivos máis vulnerables

Vázquez Mourelle salienta que estes contratos permitirán impartir 16 novos cursos de condución segura de motos; adquirir 33.000 novas prendas reflectantes e levar a 40 colexios a campaña “O corazón está do teu lado”

Concreta que co traballo de todos, cada vez está máis preto o obxectivo de reducir nun 50% as vítimas mortais nas estradas galegas con respecto a 2011

Indica que a seguridade é prioritaria para o Goberno galego, que en 2018 incrementa nun 48 % os orzamentos destinados a este fin

Precisa que as principais causas de accidentes son as distraccións, un 30,5%; a velocidade, un 24%; e os positivos en alcohol, que o Imelga sitúa en máis do 33% das vítimas de sinistros, dos que un 78% son por enriba do límite legal

Subliña que estes indicadores amosan que cómpre seguir poñendo o acento en campañas de concienciación de condutas responsables nas estradas
 

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2018
  • whatsapp

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, avanzou hoxe no Parlamento de Galicia que a Xunta licitará mañá tres campañas de concienciación e sensibilización en seguridade viaria dirixidas aos colectivos máis vulnerables das estradas mediante o investimento de preto de 400.000 euros.

Vázquez Mourelle informou hoxe sobre o desenvolvemento do Plan de seguridade viaria 2016-2020, que a Xunta continúa impulsando a través de medidas como os tres novos contratos que mañá publicará o Diario Oficial de Galicia.

Subliñou que estes contratos teñen como obxectivos impartir 16 novos cursos de condución segura de motos entre 2018 e 2019; adquirir 33.000 novas prendas reflectantes, chalecos para peóns e cortaventos para ciclistas, nestes dous anos; e levar a 40 colexios e a 7.200 escolares do rural de Galicia a campaña “O corazón está do teu lado”, con 2.400 unidades didácticas e 7.200 dispositivos luminosos.

Indicou que a seguridade é unha prioridade para a Xunta, que segue a traballar con este plan como folla de ruta co obxectivo prioritario de que as 49 actuacións concretas que contempla se desenvolva da man e en colaboración con todos os axentes implicados na seguridade viaria da comunidade.

Suma de esforzos

A conselleira concretou que grazas ao traballo de todos, cada vez está máis preto o obxectivo fixado no plan, que é o de reducir nun 50% as vítimas mortais nas estradas galegas con respecto a 2011.

Fixo fincapé en que as administracións públicas deben liderar esta loita e poñer os medios necesarios para tratar de evitar os accidentes de tráfico, cada quen, Xunta, Concellos, Deputacións e Estado, no ámbito das súas competencias directas.

O Goberno galego está destinando inxentes recursos ao desenvolvemento de actuacións destinadas a reforzar a seguridade viaria e a mellorar a conservación das estradas autonómicas. Por iso, en 2018 se incrementan un 48 % os orzamentos destinados a este fin, dedicando máis de 80 M€ a medidas que inciden directamente na seguridade viaria.

Non obstante, afirmou que ningún plan da Administración será efectivo se non vai acompañado desa responsabilidade e desa prudencia que todos debemos poñer en práctica cada día como usuarios das estradas.

Precisou que os datos indican que as causas principais de accidentes son as distraccións, un 30,5%, xunto coa velocidade inadecuada, un 24%. Engadiu que as análises do Imelga sinalan que máis do 33% das vítimas de accidentes de tráfico foron positivos en alcohol e destes, máis dun 78% rexistraba taxas por enriba do límite legal permitido.

Destacou que todos estes indicadores demostran que é necesario que as distintas administracións e organismos sigan poñendo o acento nas campañas de formación e de concienciación de condutas responsables entre todos os usuarios das estradas.

Adiantou que a mediados de marzo se organizará unha xornada cos principais axentes sociais da comunidade implicados na seguridade viaria para facer seguimento do plan e continuar así con esa canle de diálogo, fluída e frutífera de cara a reducir os accidentes e as súas consecuencias, sempre desde a colaboración e a suma de esforzos.

Mellora de infraestruturas

Nos últimos anos, a Xunta vén poñendo especial empeño na conservación das estradas autonómicas, para mantelas en boas condicións. Así, en 2016, púxose en marcha o Plan de reforzos de firme, que xa ten permitido mellorar máis de 1.000 km. Para continuar con este plan, este ano o Goberno galego tamén reservou unha partida moi importante, 20 M€, cinco máis que no exercicio anterior.

A conselleira precisou que entre as licitacións xa feitas desde comezos do ano e as destes días, chegarase aos 12 M€ activados en contratacións no que vai de 2018 para a mellora do firme nas estradas autonómicas.

O Executivo autonómico tamén segue a traballar no desenvolvemento do Plan de sendas de Galicia, para facilitar unha mobilidade máis segura aos usuarios máis vulnerables das estradas, peóns e ciclistas. Xa leva construídos máis de 70 KM de itinerarios peonís e ciclistas seguros, sostibles e integrados na paisaxe, cun investimento de máis 24 M€.

Nos vindeiros meses a Xunta continuará a avanzar no desenvolvemento da 1ª e da 2ª fase do plan en marcha en 11 comarcas galegas, coa construción de 95 sendas, arredor de 130 KM de itinerarios peonís e ciclistas, cun investimento superior aos 40 M€.

Ethel Vázquez avanzou que nos próximos meses se intensificarán os traballos doutra medida importante e novidosa: a Estratexia para a eliminación dos treitos de concentración de accidentes nas estradas autonómicas, con 98 actuacións que suporán un investimento de máis de 12 M€.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 06/03/2018