A conselleira de Infraestruturas e Vivenda interveu hoxe no Parlamento de Galicia
Ethel Vázquez avanza a nova convocatoria este mes de axudas para instalar ascensores en 850 vivendas, cun investimento de 2,5 millóns de euros, case o dobre que o ano anterior

Vázquez Mourelle indica que nesta convocatoria se manterán os requisitos dos beneficiarios, o tipo de actuacións subvencionables ou a contía de axudas, pero os solicitantes disporán de máis tempo para a realización das obras

As axudas cobren o 60% do custo da actuación, sendo subvencionables os honorarios dos profesionais que interveñen na colocación destes elementos; ou os custos en equipamentos, obra civil e man de obra asociados á instalación

No caso de ascensores e elevadores, as axudas poden chegar aos 4.500 euros para as vivendas unifamiliares e dúplex; 28.000 para os edificios residenciais con máis de 8 vivendas; e 35.000 en edificios con 8 vivendas ou menos

A conselleira lembra que a de 2017 foi a primeira convocatoria de axudas da Xunta para a instalación de ascensores e de elementos de accesibilidade nas vivendas, cun orzamento de 1,3 M euros, que permitiron actuar en 434 vivendas

Subliña a aposta do Goberno galego pola accesibilidade, por favorecer a vida de centos de galegos que teñen problemas de mobilidade, neste caso, facilitándolles o acceso ás súas propias vivendas

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2018
  • whatsapp

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, adiantou hoxe no Parlamento de Galicia que a Xunta publicará este mes unha nova convocatoria de axudas para a instalación de ascensores en arredor de 850 vivendas máis, cun investimento de 2,5 millóns de euros, case o dobre que no exercicio anterior.

Vázquez Mourelle indicou que na nova convocatoria manteranse os mesmas requisitos do ano anterior, en canto aos beneficiarios, ao tipo de actuacións subvencionables ou á contía de axudas, pero os solicitantes disporán de máis tempo para a realización das obras, porque está previsto publicar a nova orde de xeito inmediato.

Estas subvencións son compatibles con calquera outra destinada a este mesmo fin, sempre que a suma de ambas non supere o custo total das obras. As axudas, con carácter xeral, cobren o 60% do custo da actuación, considerándose subvencionables os honorarios dos profesionais que interveñen na colocación destes elementos; os informes técnicos necesarios; os gastos da tramitación administrativa; e os custos en equipamentos, obra civil e man de obra asociados á instalación dos dispositivos.

No caso concreto de instalación de novos ascensores e elevadores, as axudas poden chegar aos 4.500 euros para as vivendas unifamiliares e dúplex; ata os 28.000 euros para os edificios residenciais con máis de 8 vivendas; e aos 35.000 euros no caso de edificios residenciais con 8 vivendas ou menos. Para a colocación de salvaescaleiras e doutros dispositivos de accesibilidade, as subvencións acadan os 2.000 euros.

434 vivendas beneficiadas


Cómpre lembrar que a de 2017 foi a primeira convocatoria de axudas da Xunta para a instalación de ascensores e de elementos de accesibilidade nas vivendas que non dispoñían deles. A esta primeira convocatoria destinouse un investimento de 1,3 M de euros, que permitiron conceder 59 axudas para a instalación de ascensores en 434 vivendas.

A práctica totalidade da axudas concedidas correspóndense con edificios de máis dunha vivenda e 2 se corresponden con vivendas unifamiliares. As provincias de Ourense e da Coruña foron as que rexistraron unha maior demanda: a primeira, con 25 solicitudes para a instalación de ascensores, beneficiando a unhas 190 vivendas; e a segunda, con 21 as axudas concedidas e 144 inmobles.

A conselleira subliñou que o Goberno galego aposta pola accesibilidade, por favorecer a vida de centos de galegos que teñen problemas de mobilidade, neste caso, facilitándolles o acceso ás súas propias vivendas.

Recordou que a Xunta está a promover outras medidas moi importantes neste sentido, por exemplo, para favorecer a accesibilidade no transporte, con subvencións para a adquisición de taxis adaptados, os chamados Eurotaxis, que está a financiar a Consellería de Infraestruturas e Vivenda con axudas, entre o pasado ano e este, por importe de 600.000 euros.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 07/03/2018