Galicia inicia a difusión e promoción da candidatura Cíes-Illas Atlánticas que avanza no seu obxectivo cara Patrimonio da Humanidade co seu rexistro na lista final da Unesco

Feijóo sinala que, unha vez superada a fase da competición interna dentro de España, onte se confirmou que xa está inscrita na propia Unesco

Indica que o proceso de declaración das Illas Cíes-Illas Atlánticas non ten volta atrás e agora só é cuestión de tempo e de traballo colectivo lograr que esa declaración se consiga no menor tempo posible, como sinalou o titular da Xunta

Explica que as directrices da Unesco marcan que a candidatura debe permanecer un ano na lista indicativa, e será a partir dese momento cando se poida proceder á avaliación do expediente para a súa posterior declaración.

Di que, a nivel interno, o que corresponde é iniciar un proceso de recadación de apoios e un extenso programa de actividades para difundir e promocionar a candidatura

Cre que a folla de ruta marcada para lograr que a candidatura sexa declarada Patrimonio da Humanidade sitúanos no bo camiño ao igual que xa logramos coa candidatura da Ribeira Sacra e coa candidatura do Ferrol da Ilustración

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2018
  • whatsapp

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que a Xunta iniciará a difusión e promoción da Candidatura Cíes-Illas Atlánticas, que avanza no seu obxectivo cara Patrimonio da Humanidade, logo de que onte se confirmarse o seu rexistro na lista final que a Unesco elabora para decidir anualmente os novos patrimonios.

Na rolda de prensa do Consello, Feijóo quixo agradecer o traballo e o esforzo desenvolvido para facer unha candidatura seria e científica, capaz de ir superando todas as eliminatorias ata chegar á fase final na que se entra agora. Superouse a fase da competición interna dentro de España e onte confirmouse que xa está inscrita na propia Unesco. Por tanto, o proceso de declaración das Illas Cíes-Illas Atlánticas non ten volta atrás e agora só é cuestión de tempo e de traballo colectivo lograr que esa declaración se consiga no menor tempo posible, como sinalou o titular da Xunta.

Ao respecto, explicou que, no que ten que ver coa tramitación, as directrices da Unesco marcan que a candidatura debe permanecer un ano na lista indicativa, e será a partir dese momento cando se poida proceder á avaliación do expediente para a súa posterior declaración. E a nivel interno, o que corresponde é iniciar un proceso de recadación de apoios e un extenso programa de actividades para difundir e promocionar a candidatura.

Nesta liña, o responsable do Goberno galego subliñou que o Consello de hoxe marcou o comezo deste proceso no que xa se leva un tempo traballando e que será presentado nas vindeiras semanas.

Segundo Feijóo, a folla de ruta que marcamos para lograr que a candidatura sexa declarada Patrimonio da Humanidade sitúanos no bo camiño ao igual que xa logramos coa candidatura da Ribeira Sacra e coa candidatura do Ferrol da Ilustración.

O titular do Goberno galego destacou os efectos positivos que tería lograr esta declaración, tanto para os concellos implicados –Vigo, Bueu, Ribeira e Vilagarcía de Arousa- como para toda Galicia. E lembrando os catro aspectos clave da candidatura: o seu acreditado valor universal excepcional, a súa integridade territorial, os niveis de protección específicos dos que xa dispón e a existencia dunha unidade de xestión a través do Padroado do Parque Nacional.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 08/03/2018