O Goberno galego dá un paso máis na aposta pola eficiencia e o impulso das renovables coas directrices enerxéticas de Galicia que mobilizarán máis de 3000 millóns

Prevese que Galicia poida aforrar 150 millóns ao ano ata 2020 con iniciativas como o desenvolvemento dos ecobarrios, os plans de aforro na Administración autonómica ou as liñas de axudas ao aforro para reducir o consumo enerxético en fogares e empresas

Feijóo lembra que o obxectivo de consumo de enerxía final de orixe renovable para 2020 é do 20% en Europa e que en Galicia é hoxe do 38%
 

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2018
  • whatsapp

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, na rolda de prensa do Consello, a aprobación das Directrices Enerxéticas de Galicia 2020 que, na súa aposta pola eficiencia e o impulso das enerxías renovables, mobilizarán un investimento público-privado de máis de 3.000 millóns de euros.

Máis polo miúdo, Feijóo precisou que este investimento buscará acadar un dobre fin: mellorar a calidade de vida dos galegos, con custes enerxéticos máis reducidos e unha mellor calidade na subministración; e facer aínda máis competitivo o tecido empresarial galego, apostando pola eficiencia e as enerxías renovables; favorecendo así a loita contra o cambio climático e o impulso da economía verde.

Estes retos agruparanse en sete ámbitos: impulsar as renovables, mellorar a eficiencia enerxética, incentivar a mobilidade sustentable, rebaixar a dependencia enerxética, mellorar a calidade da subministración, seguir apostando pola innovación e mellorar a información dos consumidores.

Así, no eido das renovables, prevese un investimento de 1300 millóns ata 2020, que permitirá instalar máis de 1200MW, dos cales máis de 1000MW serán para producir enerxía eléctrica a través da eólica, hidráulica, biomasa e fotovoltaica; e os outros 200MW corresponden a enerxía térmica, a través da biomasa, a solar térmica, a xeotermia e a aerotermia.

Respecto á eficiencia enerxética, prevese que Galicia poida aforrar 150 millóns de euros ao ano ata 2020, con iniciativas como: o desenvolvemento dos ecobarrios; os plans de aforro na Administración autonómica; ou as liñas de axudas ao aforro enerxético en fogares e empresas. E, no referente á mobilidade sustentable, contémplase impulsar a renovación do parque de vehículos e estender o uso do vehículo eléctrico na mobilidade urbana; así como avanzar na implantación do gas como combustible para o transporte pesado, tanto terrestre como marítimo.

Así mesmo, con este documento preténdese que a porcentaxe de poboación con acceso a gas natural pase do 67% actual ao 82% da poboación, aos que se sumarán 37 concellos e 20 polígonos con gasificación; que comece o deseño e construción das infraestruturas necesarias para o hub de gas natural licuado en Ferrolterra; que se modernicen os equipamentos da subministración eléctrica; e que aumente a competencia no sector dos hidrocarburos.

Por outra banda, a través da innovación lograrase mellorar a eficiencia enerxética, especialmente na industria. E, no eido da defensa dos consumidores, as directrices prevén que mellore a información á disposición dos usuarios para elixir o seu provedor de enerxía.

A continuación, lembrou que algúns dos obxectivos que marca Europa xa foron alcanzados. Non en van, o obxectivo de consumo de enerxía final de orixe renovable para 2020 é do 20%, pero na Comunidade galega xa é do 38%.

Feijóo concluíu destacando entre os obxectivos marcados para 2020: unha redución do 4% da enerxía total consumida en Galicia; que entre o 85% e o 90% da enerxía eléctrica e o 34% do consumo en calefacción e refrixeración veña de fontes renovables; que o 35% do consumo de combustible para uso térmico proveña da biomasa; e que se reduzan as emisións de CO2 en 4 millóns de toneladas.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 08/03/2018