A Consellería do Mar promove na feira Seafood de Boston os produtos do mar de Galicia xunto con 11 empresas coexpositoras

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, visitará o vindeiro luns e o martes a feira co obxectivo de promocionar os produtos pesqueiros galegos e apoiar ás empresas que participan no evento

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2018
  • whatsapp

A Consellería do Mar participará na feira Seafood Boston 2018, que se celebra nos Estados Unidos de América desde o vindeiro domingo día 11 ao martes 13 de marzo. A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez Moreda, visitará o luns e o martes as 11 empresas galegas que acolle o posto da Xunta de Galicia e realizará un percorrido polas instalacións da feira, co obxectivo de promocionar os produtos pesqueiros galegos e chegar a novos mercados.

Así, baixo o paraugas da Xunta de Galicia asisten empresas como Congelados Noribérica, Congelados Troulo, Fandicosta, Fesba, Isidro 1952, Lanzal Productos del Mar, Oversea Atlantic Fish, Pescados Rubén, Pescados Vixa, Congelados Videmar e a Asociación Española de Mayoristas, Importadores, Transformadores y Exportadores de Productos de la Pesca y Acuicultura (Conxemar). Ademais, tamén estarán presentes na feira con posto propio outras empresas galegas como Grupo Ibérica de Congelados, Stolt Sea Farm, Worldwide Fishing Company e Rotogal.

Galicia participa neste evento cun posto institucional de máis de 167m², que dá cabida ás empresas galegas coexpositoras pertencentes ao sector do conxelado, da conserva e dos produtos do mar procesados. Ademais, o posto da Xunta tamén conta cunha área destinada a centro de negocios, na que as empresas poden manter encontros para ampliar o seu mercado.

Seafood de Boston


A Seafood de Boston é o evento comercial de produtos marítimo-pesqueiros máis grande de América do Norte e este ano celebra a edición número 34. Nesta feira danse cita máis de 20.000 visitantes profesionais de máis de 100 países. Conta cun espazo de 55.000m² en total, no que se promocionan 1.200 empresas expositoras de 50 países distintos vinculadas aos produtos do mar frescos, conxelados, da acuicultura e envasados e tamén profesionais que se dedican á provisión de equipamentos e transporte, loxística e maquinaria.

Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 09/03/2018