A Xunta apoia con preto de 160.000 euros o programa integrado de emprego Mos 3.0 no que se formarán 85 persoas sen traballo

O delegado territorial en Vigo, Ignacio López-Chaves, e o xefe territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial, inauguraron este plan

As previsións de inserción laboral do Goberno galego son dun 45%, superado en máis de 20 puntos na anterior edición celebrada na localidade pontevedresa

A Administración autonómica ten activados 52 programas integrados para desempregados nos que por primeira vez se inclúen accións específicas para mulleres

Mos (Pontevedra), 9 de marzo de 2018
  • whatsapp

O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, asistiu esta mañá á inauguración da terceira edición do programa integrado Mos 3.0 que busca incrementar as oportunidades laborais de 85 persoas desempregadas. A Consellería de Economía, Emprego e Industria inviste preto de 160.000 euros nesta actuación coa que prevé que un 45% dos participantes acaden a inserción no mercado de traballo.

Neste senso, o representante do Goberno galego, quen acudiu acompañado polo responsable territorial da área, Ignacio Rial, destacou o bo comportamento deste plan no concello de Mos, xa que o pasado ano superáronse en máis de 20 puntos as estimacións iniciais de incorporación laboral. “O pasado ano, un 70 por cento dos 60 participantes acadaron un emprego”, sinalou visiblemente satisfeito cos resultados e antes de desexar o mesmo éxito á nova edición do programa.

En presencia da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, López-Chaves acentuou a importancia da cooperación entre a Xunta e as administracións locais para apoiar ás persoas con máis dificultades para atopar un emprego.

Os programas integrados de emprego financiados pola Administración autonómica, que teñen uno ano de duración, están enfocados a mellorar a ocupación dos desempregados establecendo como obxectivo a inserción laboral dun mínimo do 30% dos seus participantes. Cada plan integrado inclúe accións personalizadas de diversa natureza -como información, orientación, asesoramento e formación- combinadas con prácticas laborais.

No caso de Mos 3.0, os alumnos e alumnas levan a cabo técnicas para mellorar a busca de emprego e a realización de entrevistas de traballo, ao tempo que desenvolven accións específicas de formación nas seguintes especialidades: atención ao cliente; carretilleiro; operario de almacén e xestión loxística; manipulación de alimentos; alerxias alimentarias; traballos en altura; limpeza industrial; hostaleira; produción; ou formación en liña diversa.

A Xunta este ano está poñendo en marcha en Galicia 52 plans integrados de emprego nos que está a investir 9,5 millóns de euros, un 40% máis que na pasada edición, para incrementar as oportunidades laborais de 4.420 persoas sen emprego, 985 máis que na convocatoria anterior.

A iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria inclúe por primeira vez a reserva dunha porcentaxe do orzamento para o desenvolvemento de plans específicos para as mulleres. En concreto, destínanse dous millóns de euros a esta actuación que permite activar unha das medidas do plan Emprega en feminino, a folla de ruta do Goberno galego para impulsar a inserción das mulleres no mercado de traballo. 765 mulleres participarán en plans específicos para elas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 09/03/2018