Galicia lidera na UE a defensa dun novo fondo de financiamento pesqueiro que dea continuidade ao actual e mellore a aposta pola economía mariña e o emprego

O texto do ditame sobre o futuro fondo que lidera Galicia foi aprobado por ampla maioría na comisión de Recursos Naturais do Comité Europeo das Rexións

O documento fai fincapé na necesidade dun fondo que promova o atractivo da profesión para acadar o adecuado relevo xeneracional e medidas que faciliten a cohesión interna do sector

Tamén pon de relevo a necesidade reforzar a dimensión territorial das políticas e apoiar ás pequenas comunidades costeiras

A simplificación administrativa é outro aspecto que defende o documento co obxectivo de facilitar a súa aplicación práctica ás administracións e pescadores
 

Bruxelas, 9 de marzo de 2018
  • whatsapp

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, asistiu hoxe en calidade de experta á votación do ditame FEMP post 2020: investindo nas comunidades costeiras europeas, un labor que lidera Galicia por encargo da comisión de Recursos Naturais (NAT) do Comité Europeo das Rexións (CdR), onde hoxe se realizou a votación. No texto do ditame, que foi aprobado por ampla maioría no marco desta comisión despois de aceptar as 11 enmendas presentadas polos distintos representantes do Comité das Rexións, ponse de relevo a defensa dun novo fondo de financiamento pesqueiro que dea continuidade ao actual e que mellore a aposta pola economía mariña e polo emprego.

Ademais Galicia destaca a importancia dun fondo que proporcione apoio a novos negocios e aos que están en marcha para diversificar as industrias marítimas tradicionais. Para iso defende unha ferramenta financieira centrada na importancia da actividade pesqueira e en conservar o seu carácter tradicional. Ademais considera necesario que o futuro fondo promova o atractivo da profesión para acadar o adecuado relevo xeneracional e medidas que faciliten a cohesión interna do sector estimulando a cogobernanza.

Outras das prioridades de Galicia de cara ao novo fondo e que se reflicte no ditame sobre o seu futuro despois de 2020 é a de contribuír á conservación dos recursos mariños e á mellora da sustentabilidade ambiental. Para iso defende que a futura ferramenta de financiamento estimule a renovación da frota pesqueira, a recollida e sistematización de datos e a investigación aplicada e tamén o impulso da competitividade da industria transdormadora e comercializadora.

Ademais o ditame que lidera Galicia sinala que o novo fondo debe reforzar a dimensión territorial das políticas e apoiar ás pequenas comunidades costeiras nas súas estratexias de desenvolvemento local participativo, que tanto éxito demostraron na diversificación e complementación das actividades económicas costeiras.

Nesta xornada de votación do ditame, Galicia tamén puxo de relevo a importancia de sumar as sinerxías que ofrecen outros fondos como o Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (FEADER), o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), debido ao carácter rural e periférico da maioría das zonas costeiras, e o Fondo Social Europeo.

Ademais a Xunta tamén fixo fincapé noutro dos aspectos que incide o ditame, que é a necesidade dunha nova ferramenta financieira simplificada para facilitar a súa aplicación práctica ás administracións e pescadores e adaptada á realidade e ás necesidades dos sectores do mar. O documento tamén defende que o novo fondo sexa acorde e coordinado coa normativa europea e orientado a conseguir os obxectivos da Política Común de Pesca e da Política Marítima Integrada.

En canto á súa aplicación, o ditame liderado por Galicia define o apoio público en forma de subvención como a mellor opción debido a que garante o control do destino e aplicación sobre algo concreto. Tamén porque xera efecto dinamizador directo sobre a economía, estimula as iniciativas en cuestións radicadas nos obxectivos da PCP, xera confianza e asegura a obtención de financiamento.

Un dos acontecementos que defendeu a Xunta que hai que ter en conta no futuro fondo financieiro é o Brexit, que coincide no ano 2020 e no caso da pesca podería afectar ao financiamento, aos dereitos de acceso ás augas británicas e aos seus mercados. Neste sentido, Galicia avoga por un novo fondo europeo de financiamento que leva unidos eses aspectos e que trate de corrixir os puntos débiles que poidan darse como consecuencia de preservar a unidade da Europa pesqueira.

Accións

A elaboración do ditame FEMP post 2020 é un labor que liderou Galicia co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, á cabeza, por encargo da comisión de Recursos Naturais (NAT) do Comité Europeo das Rexións (CdR). Nel Galicia tivo en conta as aportacións realizadas polos representantes dos distintos sectores do mar da Unión Europea nunha xuntanza á que asistiu a conselleira do Mar, Rosa Quintana e que se celebrou en Bruxelas o pasado 22 de xaneiro. No texto do ditame tamén se tiveron en conta as 11 enmendas presentadas polos distintos representantes do Comité das Rexións.
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 09/03/2018