Conde salienta que a formación en industria 4.0 dá resposta aos novos empregos que xorden da automatización dos procesos

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe nas VII Xornadas sobre tecnoloxías e solucións para a automatización industrial (JAI)

Destacou que a Xunta traballa para adaptar os perfís profesionais aos cambios tecnolóxicos co apoio á cualificación de preto de 750 traballadores en eidos como a robótica, loxística 4.0 ou o desenvolvemento de dispositivos de automatización

Defendeu a importancia da colaboración entre empresas, centros de coñecemento e a Administración para avanzar cara á revolución dixital que xa está a cambiar contornos de traballo en industrias e empresas

Vigo, 12 de marzo de 2018
  • whatsapp

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe nas VII Xornadas sobre tecnoloxías e solucións para a automatización industrial (JAI 2018) organizadas pola Universidade de Vigo, a través da Escola de Enxeñería Industrial, onde destacou a importancia de apoiar a formación en Industria 4.0 para dar resposta aos novos empregos que están xurdindo da automatización dos procesos.

O titular de Economía indicou que para a Xunta é un reto principal a adaptación dos perfís profesionais aos cambios tecnolóxicos, polo que ten en marcha diversos programas neste ámbito entre os que destacou as axudas do Igape á Formación 4.0 que permitirá que preto de 750 traballadores, máis da metade da área de Vigo, poidan acceder por primeira vez a cursos financiados pola Xunta en eidos como a robótica, loxística 4.0 ou o desenvolvemento de dispositivos de automatización. Trátase de accións formativas organizadas polos clústers e centros tecnolóxicos, unhas axudas, que acaban de resolverse, que suporán unha mobilización de preto de 525.000 euros. “Os profesionais mellor formados serán os que teñan máis posibilidades de acceder aos novos empregos”, apuntou o conselleiro.

Conde, ademais, sinalou a importancia da colaboración entre empresas, centros de coñecemento e a Administración para avanzar cara á revolución dixital que xa está a cambiar contornos de traballo en industrias e empresas. “Galicia ten un ecosistema de innovación onde as empresas, os centros tecnolóxicos, as universidades e o propio tecido produtivo están colaborando, buscando solucións concretas desde o punto de vista dos produtos e dos procesos”, engadiu.

Para rematar, explicou que a industria que vén xa está aquí e, por iso, indicou que é preciso axudar aos traballadores a desenvolver as destrezas que exixe a nova era dixital. “Diso depende a competitividade da nosa industria”, concluíu.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/03/2018