A Xunta apoia en Ames e Brión a formación de 100 desempregados a través dun programa integrado e un obradoiro de emprego

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, visitou hoxe aos alumnos das dúas iniciativas que apoia a Consellería de Economía, Emprego e Industria con máis de 380.000 euros

O Goberno galego prevé que a través do Programa Integrado de Emprego (PIE) acaden un traballo o 40%, como mínimo, dos 85 participantes

A Xunta apoia este ano a máis de 4.000 desempregados a través de 52 programas integrados nos que por primeira vez se inclúen accións específicas para mulleres

No obradoiro estanse a cualificar cun contrato de traballo 15 alumnos en montaxe e mantemento de instalacións caloríficas que porán en marcha equipamentos térmicos de biomasa e de mellora de eficiencia enerxética en locais sociais das dúas localidades
 

Ames (A Coruña), 12 de marzo de 2018
  • whatsapp

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, coñeceu hoxe de primeira man a formación que están a recibir os 100 alumnos que están a participar en dúas iniciativas que está a apoiar a Xunta de Galicia nos concellos de Ames e Brión: o Programa Integrado de Emprego (PIE) InserAmes-Brión X e o obradoiro Renov Ames-Brión II. Marnotes destacou que son dúas actuacións que buscan incrementar as oportunidades laborais das persoas sen emprego a través dunha cualificación especializada.

No Programa Integrado de Emprego están a participar 85 alumnos dos que se prevé unha inserción laboral mínima do 40%. En concreto, están recibindo cualificación nas seguintes especialidades: monitor de actividades de tempo libre, operario de maquinaria, en comercio e loxística, limpeza de habitacións, superficies e mobiliario en hoteis, manexo de plataforma elevadora e monitor de transporte e comedor escolar. A formación que se imparte nos cursos combínase con accións de asesoramento e orientación, así como en prácticas laborais.

Os programas integrados de emprego financiados pola Administración autonómica, que teñen uno ano de duración, están enfocados a mellorar a ocupación dos desempregados establecendo como obxectivo a inserción laboral dun mínimo do 30% dos seus participantes. Cada plan integrado inclúe accións personalizadas de diversa natureza -como información, orientación, asesoramento e formación- combinadas con prácticas laborais.

A Xunta está desenvolvendo en Galicia 52 plans integrados de emprego nos que está a investir 9,5 millóns de euros, un 40% máis que na pasada edición, para incrementar as oportunidades laborais de 4420 persoas sen emprego, 985 máis que na convocatoria anterior.

A iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria inclúe por primeira vez a reserva dunha porcentaxe do orzamento para o desenvolvemento de plans específicos para as mulleres. En concreto, destínanse dous millóns de euros a esta actuación que permite activar unha das medidas do plan Emprega en feminino, a folla de ruta do Goberno galego para impulsar a inserción das mulleres no mercado de traballo. 765 mulleres participarán en plans específicos para elas.

Dos 52 programas integrados, un total de 25 teñen en concellos e os 27 restantes en entidades sen ánimo de lucro. Como novidade nesta convocatoria, a Xunta primou a aqueles proxectos nos que está implicado o tecido empresarial de cada zona co obxectivo de que os programas se centren nas demandas laborais de cada comarca.

O obradoiro de emprego

Pola súa banda, a través do obradoiro de emprego Renov Ames-Brión II, un total de 15 alumnos e alumnas están a formarse, ao tempo que acceden a un contrato de traballo, en montaxe e mantemento de instalacións caloríficas. Deste xeito, coa cualificación que reciben porán en marcha equipamentos térmicos de biomasa e de mellora da eficiencia enerxética nos locais sociais de Ameixenda, Cruxeiras e Firmistáns, en Ames; e na escola infantil dos Ánxeles e na de Luaña, en Brión.

A formación que se imparte nos obradoiros está homologada con certificados de profesionalidade nestas especialidades con validez en todo o Estado. A Xunta está a investir 20 millóns de euros no desenvolvemento de 83 obradoiros de emprego en toda Galicia co obxectivo de incrementar as oportunidades laborais de 1600 galegos. Trátase dun programa cunha duración de 9 meses.

Os obradoiros céntranse na realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral. Esta formación impulsa tamén o emprendemento, xa que os beneficiarios reciben formación específica que lles permite iniciar os seus propios proxectos.

Marnotes destacou a importancia de adaptar as cualificacións aos perfís profesionais que precisan as empresas galegas para competir, crecer e xerar emprego. Neste senso, puxo en valor a cooperación entre a Xunta e as administracións locais para apoiar ás persoas con máis dificultades para atopar un emprego.

As dúas actuacións forman parte da Axenda 20 para o Emprego, a planificación do Goberno galego en materia laboral para impulsar o traballo estable e de calidade e coa que se pretende en 2020 reducir a taxa de paro ata o 10% coa creación de, polo menos, 80.000 novos empregos.

 

Data de actualización: 12/03/2018