Os colexios Cerdeiriñas (Vila de Cruces) e Feliciano Barrera (Ponteareas) estrean o programa ‘Coñece as túas institucións’ visitando Xunta e Parlamento

Un total de 60 alumnos participaron hoxe na primeira xornada desta iniciativa, que ten como obxectivo realizar visitas escolares ás sedes da Xunta e á Cámara galega

Orientado a estudantes desde 5º de Primaria ata 2º de ESO, o programa busca ampliar os coñecementos sobre os poderes lexislativo e executivo de Galicia, afondando na cultura do diálogo, da convivencia e do respecto
 

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2018
  • whatsapp

Os CEIPs de Cerdeiriñas de Vila de Cruces e Feliciano Barrera de Ponteareas estrearon este martes o programa educativo Coñece as túas institucións, posto en marcha entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Parlamento de Galicia en virtude dun convenio asinado o pasado mes de decembro. En concreto, 30 alumnos de 5º e 6º de Primaria de cada centro coñeceron as principais dependencias da Xunta de Galicia, en San Caetano, como son a sala da comisión de secretarios ou a sala onde cada xoves se celebra o Consello da Xunta.


Durante a súa visita a San Caetano, os alumnos foron guiados polo secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén, que lles explicou o funcionamento diario da institución e as responsabilidades do Goberno galego. Así mesmo, os 60 estudantes tamén coñeceron o Pazo do Hórreo, sede do Parlamento Galego.


En total, para este mes de marzo xa están programadas dez visitas de escolares, que se organizarán os martes, mércores e venres. Os centros que desexen apuntarse ás ditas visitas poderán facelo no web http://www.parlamento.gal/AsTuasInstitucions/.


Coñecemento próximo do poder lexislativo e executivo

Con esta iniciativa preténdese que o alumnado amplíe os seus coñecementos sobre os poderes lexislativo e executivo de Galicia, afondando na cultura do diálogo, da convivencia e do respecto. Deste xeito téntase favorecer unha cidadanía democrática e responsable presente e futura.

Neste sentido, coñecerán o funcionamento institucional e as fontes autonómicas de subministración de bens e servizos públicos como a educación, a sanidade, os servizos sociais ou as comunicacións; así como as dependencias onde esta actividade se desenvolve. O programa afonda na importancia social e a utilidade práctica do Parlamento e da Xunta de Galicia, máximo órgano de representación popular galega e órgano colexiado de Goberno que dirixe a política xeral da Comunidade Autónoma, respectivamente.

Desenvolvemento do programa

O programa de actividades desenvolverase nos cursos escolares 2017/18, 2018/19 e 2019/20, e nel participarán centros educativos galegos de titularidade pública con alumnado de 5º e 6º de educación primaria e 1º e 2º de educación secundaria.

Con carácter previo á realización efectiva das visitas, o programa didáctico desenvolverase dentro das aulas mediante a entrega e traballo cos materiais proporcionados polas institucións. Tanto a través destes contidos como das propias visitas procurarase desenvolver competencias clave, nomeadamente a social, a cívica e a competencia en sentido da iniciativa e espírito emprendedor, coa incorporación dos principios de Goberno Aberto e a transparencia.

Logo de realizar o traballo previo de formación nas aulas, concértase a visita ás institucións, onde serán recibidos por unha autoridade que lle dará a benvida para despois realizar a visita por cadansúa sede institucional.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/03/2018