A Xunta pon en valor a formación para desempregados adaptada aos perfís profesionais que require a nova era tecnolóxica

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, visitou hoxe as instalacións de Aimen no Porriño e aos alumnos que están realizando os cursos financiados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria relacionados coa especialidade de soldadura

Puxo en valor os programas dirixidos especificamente para o sector naval que se imparten tanto en centros homologados como nas propias empresas e que están orientados para desocupados e traballadores en activo

Marnotes explicou os plans que se están desenvolvendo para adecuar a cualificación dos traballadores e desempregados ás necesidades reais do tecido produtivo galego
 

O Porriño (Pontevedra), 13 de marzo de 2018
  • whatsapp

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, visitou hoxe as instalacións do centro tecnolóxico Aimen do Porriño, onde coñeceu a formación para desempregados que leva a cabo esta entidade co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria. O director xeral puxo en valor este tipo de cualificación que está adaptada aos perfís profesionais que está requirindo a nova era tecnolóxica e está homologada con certificados de profesionalidade con validez en toda España.

Na actualidade, Aimen está desenvolvendo tres accións formativas que contan co financiamento da Xunta e que suman un total de 2214 horas. Nelas participan 45 alumnos que se están cualificando nas seguintes especialidades vinculadas co naval: organización e control dos ensaios non destrutivos, da familia profesional de Química; soldadura con electrodo revistido e TIG; e soldadura de oxigás e soldadura MIG/MAG. Son cursos que forman parte do Plan de formación específico para o naval que puxo en marcha o Goberno galego o pasado ano e que está dotado con 12 millóns de euros.

Marnotes indicou que a Xunta, a través do desenvolvemento da Axenda 20, a folla de ruta do Goberno galego en materia laboral, busca axeitar a cualificación dos traballadores galegos ás novas necesidades das empresas. En sintonía coa Axenda Industria 4.0, a planificación prevé diferentes posibilidades de formación á carta como é a formación para desempregados que, segundo apuntou, ten como obxectivo ampliar as oportunidades laborais dos seus participantes para que poidan atopar un emprego o antes posible.

Puxo en valor, ademais, a aposta do Goberno galego por orientar esta cualificación cara os sectores estratéxicos e emerxentes de Galicia e ás especialidades vinculadas coa fábrica intelixente. Neste senso, puxo de exemplo ao naval. Para este ámbito, a Consellería de Economía, Emprego e Industria apoiou o pasado ano a realización de 57 cursos para desempregados que contaron coa participación de 883 alumnos. Esta iniciativa, que aínda está en marcha (20 cursos xa remataron e o resto acabarán en xuño deste ano) supuxo un investimento de 4,3 millóns de euros. Así mesmo, a Xunta destinou 1,1 millóns de euros á modernización dos centros de formación profesional para o emprego de Vigo e Ferrol, dependentes do departamento autonómico, onde, entre outros, se imparten accións formativas dirixidas ao naval.


O director xeral tamén expuxo a cualificación dirixida a traballadores en activo, que se desenvolve en centros homologados pola Administración autonómica. Neste senso, apuntou que este ano apóiase cun millón de euros a realización de 63 cursos específicos para ocupados do naval en Vigo, Arteixo, Narón e Lugo, accións formativas, centradas en especialidades como soldadura, robótica ou deseño naval, das que se poderán beneficiar un milleiro de persoas. Con estas axudas, a Xunta prevé formar en toda Galicia a máis de 23.000 autónomos e traballadores galegos de sectores estratéxicos e emerxentes. Segundo destacou, é unha iniciativa de formación para ocupados dotada con 13 millóns de euros para desenvolver ao longo deste ano en centros e entidades formativas preto de 1.500 cursos, entre os que se atopan os centrados no naval.

Formación á carta en empresas

Tamén destacou as Unidades Formativas na Empresa, tanto para desempregados como ocupados, que constitúen outra das modalidades de formación activas na actualidade. As primeiras convocatorias destes programas xa saíron publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG). En conxunto, destínanse 6,35 millóns en 2018 para estas dúas iniciativas, a través das que se cualifica tanto a desempregados con formación á medida na propia empresa –que ten que comprometerse a un mínimo de contratación– como a traballadores de empresas de sectores estratéxicos, entre os que tamén cabe salientar o naval.

Marnotes destacou que, para as unidades dirixidas a desempregados, o prazo de solicitude está aberto ata o día 5 do próximo mes de abril, mentres que para a iniciativa destinada a ocupados para formar a 1.500 traballadores en 500 empresas de sectores estratéxicos rematará o 2 de abril.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/03/2018