Galicia defenderá este mes en Bruxelas a súa postura a prol dunha PAC forte, simplificada e dotada de orzamento
Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2018
  • whatsapp

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, viaxará este mes a Bruxelas para defender diante da Comisión Europea a postura de Galicia en relación coa futura PAC. Así o anunciou a propia titular do departamento hoxe en Madrid, tras a xuntanza do Consello Consultivo de Política Agrícola. Ángeles Vázquez reunirase co director xeral adxunto da Dirección Agri, Rudolf Moegele, e trasladaralle o compromiso da Xunta co Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (Mapama) a prol dunha PAC forte, que manteña a actual dotación orzamentaria, algo fundamental para Galicia polas nosas especiais características e polo peso que o rural ten para a nosa comunidade.

Nesta mesma liña, a conselleira engadiu que Medio Rural organizou tamén, para o vindeiro 10 de abril, unha xornada na que participarán responsables do Mapama e da propia Comisión Europea e que servirá para afondar no deseño e definición da postura da nosa comunidade diante da reforma destas políticas.

Ángeles Vázquez lembrou que Galicia é líder, a nivel nacional, no sector lácteo, xa que produce arredor do 40% do leite e achega máis da metade do total de gandeiros. Desde esta posición, reiterou a posta da nosa comunidade por unha PAC con dous piares, cunha prioridade clara polo primeiro (axudas directas), financiado ao cen por cento con fondos comunitarios, e na que se respecte a asignación actual para o conxunto de medidas.

Galicia avoga tamén por unha PAC que permita manter o número de agricultores e gandeiros, cuns niveis de renda dignos. Trátase de garantir a actividade agrícola e o mantemento dunha parte importante das explotacións, é dicir, dun rural vivo e activo, así como de asegurar a adecuada contribución dos agricultores á defensa do medio ambiente e á loita contra o cambio climático.

Compromiso fronte o despoboamento

Así mesmo, a nosa comunidade defende unha PAC que garanta a remuda xeracional no agro, dentro do compromiso da Xunta fronte o despoboamento e sobre os problemas que representa o envellecemento dos seus habitantes. Por iso, explicou a conselleira, para nós é prioritario centrar os pagos nos agricultores que realmente desenvolvan unha actividade agraria e tamén facilitar o acceso dos mozos e as mulleres a unha agricultura profesional. Faise necesario, ademais, contemplar as peculiaridades da nosa comunidade, tales como a dispersión da poboación, o tamaño das explotacións e o peso das zonas de montaña e con limitacións naturais.

A maiores, a conselleira reafirmou a aposta de Galicia pola produción de alimentos sans e seguros e, moi especialmente, pola calidade como factor diferencial das producións agroalimentarias, sempre dende o máximo respecto ao benestar animal. Tamén, por unha PAC que procure unha alimentación saudable, con programas para fomentar o consumo de produtos lácteos, froitas e verduras. Por último, insistiu na necesidade de seguir traballando por unha política comunitaria simplificada e con menor carga normativa e administrativa.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/03/2018