A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, acudiu á xornada celebrada nas instalacións do Lug2 en Lugo
A Xunta e a Reaj celebran o segundo encontro de albergues xuvenís de Galicia

No marco desta cita, o Lug2 recibiu hoxe o terceiro premio do concurso organizado por Hostelling International grazas a un proxecto de renovación de iluminación con luces LED

En Galicia 25 albergues están adheridos á Red Española de Albergues Juveniles, e tiveron un total de 9356 usuarios que pernoctaron un total de 27.348 noites
 

Lugo, 13 de marzo de 2018
  • whatsapp

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, participou no II encontro de albergues xuvenís de Galicia que se está a ter lugar ao longo da xornada de hoxe no albergue Lug2 da cidade de Lugo.

No marco deste encontro, a titular do departamento autonómico fixo entrega ao director do albergue LUG2, Xosé Luis Garza, do terceiro premio (dotado con máis de 4000 euros) do concurso organizado por Hostelling International grazas a un proxecto de renovación de iluminación con luces LED para reducir o consumo de enerxía e emisións de dióxido de carbono, ademais dunha parte educativa de promoción do alberguismo sostible. Dentro do proxecto se inclúen accións como a instalación de papeleiras de recollida selectiva de lixo, o desenvolvemento da campaña educativa BIO- LUGO a desenvolver nos centros educativos da cidade e actividades como charlas sobre sustentabilidade e aforro enerxético, monográficos nas actividades que desenvolve a ludoteca do albergue.

O albergue Lug2 competiu a través dun triple sistema de selección que incluíu unha votación popular a través de internet, un xurado formado por coordinadores de sustentabilidade de todas as asociacións de albergues do mundo, e a avaliación dun xurado internacional. A suma destas tres avaliacións deu unha vitoria ao noso país representado co albergue lugués.

No 2013 outro albergue galego, o das Corcerizas en Ourense, proclamouse gañador, recibindo un premio que lle permitiu facer realidade o seu proxecto de converterse nunha illa enerxética e funcionar de maneira independente da rede eléctrica convencional.

Tras a entrega do galardón, Cecilia Vázquez visitou o Coworking Lug2, un espazo de traballo conxunto para mozos e mozas que inician proxectos empresariais e no que poden crear e conectar unha sinerxia de ideas entre persoas con talento. Na actualidade, forman parte deste espazo nove empresas do ámbito creativo, audiovisual e novas tecnoloxías.

A xornada conclúe esta tarde cunha sesión de traballo e cun relatorio sobre a Rede Española de Albergues Xuvenís (REAJ).

Rede de albergues xuvenís de Galicia

Esta rede está constituída por todos os albergues xuvenís situados dentro do territorio galego, ben de titularidade autonómica ou de calquera outra administración pública, ben de titularidade de persoas físicas ou xurídicas privadas, sempre que, neste último caso, estean inscritos no rexistro dependente da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Na actualidade, hai 25 albergues xuvenís rexistrados.

Calquera albergue pertencente á rede pode adherirse á REAJ, que á súa vez forma parte de Hostelling International, ofrecendo aloxamento de calidade a prezos asumibles en calquera lugar do mundo.

En Galicia, os albergues xuvenís dentro da REAJ son os de: Gandarío (Bergondo), Lug2 (Lugo),. As Corcerizas (Vilar de Barrios), Albergue de San Xoán de Río, Equal (Coles), Altamar (Vigo) Florentino López Cuevillas (Ourense), Bela Muxía (Muxía), e ArtSurfCamp (Carballo).

Os albergues REAJ en Galicia tiveron un total de 9356 usuarios que pernoctaron un total de 27.348 noites.

Para ser usuario/a dun albergue xuvenil só é preciso contar co carné de alberguista, recoñecido internacionalmente e que permite beneficiarse de moitos descontos –estatais e internacionais-, participar en concursos e formar parte dunha extensa rede de máis de 260 albergues en España e 4000 no resto do mundo.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/03/2018