A Xunta aborda os recursos na protección á infancia nunhas xornadas con preto de 300 profesionais tanto de Galicia como doutros países e rexións

O encontro, organizado pola Consellería de Política Social, terá lugar os vindeiros días 16 e 17 de marzo na Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela

O obxectivo das xornadas é promover unha reflexión construtiva sobre os recursos e os retos presentes e futuros dos servizos de protección a menores, e poderán seguirse en ‘streaming’

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2018
  • whatsapp

A Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, organiza unhas xornadas de protección á infancia que se desenvolverán os días 16 e 17 deste mes de marzo na Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Este encontro, especialmente dirixido a profesionais do sistema de protección de Galicia, está coordinado polo director da Unidade de Investigación en Intervención e Coidado Familiar da Universidade da Coruña, o profesor en Psicoloxía e psicoterapeuta Valentín Escudero.

O obxectivo deste simposio, que ten todas as súas prazas cubertas con preto de 300 inscricións realizadas, é promover unha reflexión e un diálogo sobre os recursos e os retos presentes e futuros do sistema autonómico de protección á infancia, coa participación de profesionais da nosa comunidade e de expertos doutros países e rexións que ofrecerán unha perspectiva externa. Durante os dous días que durará este encontro os asistentes participarán en conferencias plenarias, mesas redondas e obradoiros de carácter fundamentalmente práctico. O desenvolvemento deste evento poderá seguirse en streaming a través de Youtube.

Así, a xornada do vindeiro venres 16 comezará cun relatorio a cargo da directora do Instituto de Familia de Londres, Barbara Mckay, que falará sobre a intervención no sistema de protección inglés desde unha perspectiva multisistémica e integral. Tras esta conferencia terán lugar dúas mesas redondas: a primeira versará sobre acollemento familiar e a segunda tratará sobre a preservación e a reunificación familiar.

Ao día seguinte, sábado 17, a co-fundadora e directora de saúde mental do programa ‘Terra Firma’ en Nova York, Cristina Muñiz de la Peña abordará o traballo con menores inmigrantes non acompañados; e o neuro-psiquiatra Jorge Barudy, director do Instituto de formación e investigación-acción sobre as consecuencias da violencia e a promoción da resiliencia de Barcelona (IFIV), disertará sobre os desafíos futuros para os programas de protección infantil. Tamén nesta xornada celebraranse dúas mesas redondas, unha sobre acollemento residencial e outra sobre recursos para a intervención terapéutica.

Ademais, nesta segunda xornada do encontro é cando se desenvolverán os obradoiros programados, un total de seis que se celebrarán de maneira simultánea e que estarán centrados todos eles en informar e formar aos participantes sobre os novos recursos e a innovación no ámbito da protección á infancia. Así, o traballo en grupo con adolescentes en risco e en situación de desamparo, as técnicas para o traballo terapéutico e de rehabilitación ou a violencia filo-parental, son algúns das cuestións que se abordarán nestes obradoiros.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/03/2018