A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, visitou a feira Seafood de Boston
A Xunta visita os pavillóns de México e Perú no marco da feira Seafood de Boston e mantén contactos cos empresarios galegos que operan nestes países

A directora xeral visitou onte e hoxe as 11 empresas que acudiron ao encontro da man da Consellería do Mar, co obxectivo de promocionar os produtos pesqueiros galegos

Mantivo unha xuntanza con diversas empresas galegas do sector do mar que acudiron á feira da man da Cámara de Comercio de Vigo e brindoulle a axuda da Xunta para que participen en vindeiras feiras no posto da Consellería do Mar
 

Boston, 13 de marzo de 2018
  • whatsapp

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, visita esta mañá os pavillóns de México e Perú no marco da feira Seafood Boston 2018, que se está a celebrar nos Estados Unidos de América. Alí a directora xeral está a manter contactos coas empresas de capital galego vinculadas ao sector do mar que operan nestes países e que promocionan os seus produtos nos postos de México e Perú.

O obxectivo desta visita é trasladar o apoio da Xunta de Galicia a estas empresas á hora de afianzar o seu mercado e acceder a outros novos. Tamén impulsar a introdución de produtos do mar doutras empresas galegas no mercado mexicano e peruano.

A Xunta está presente nesta edición número 34 da feira cun posto no que alberga a 11 entidades galegas. Estas entidades son Congelados Noribérica, Congelados Troulo, Fandicosta, Fesba, Isidro 1952, Lanzal Productos del Mar, Oversea Atlantic Fish, Pescados Rubén, Pescados Vixa, Congelados Videmar e a Asociación Española de Mayoristas, Importadores, Transformadores y Exportadores de Productos de la Pesca y Acuicultura (Conxemar).

Ademais, tamén están presentes na feira con posto propio outras empresas galegas como Grupo Ibérica de Congelados, Stolt Sea Farm, Worldwide Fishing Company e Rotogal. A directora xeral visitou cada un dos postos e trasladoulle o seu apoio de cara a participar en vindeiras feiras como, por exemplo, a Seafood de Bruxelas ou a de Hong Kong. Mercedes Rodríguez tamén estivo reunida co Conselleiro Delegado de Nueva Pescanova, Ignacio González.

A maiores, a directora xeral participou nun showcooking realizado no propio posto da Xunta. Nel, o cociñeiro Álvaro Villasante, do restaurante Paprica de Lugo e pertencente ao Grupo Nove, amosou a súa destreza nos fogóns cun prato de carpaccio de gamba ofrecido pola empresa Lanzal.


Finalmente, a directora xeral mantivo unha xuntanza con diversas empresas galegas do sector do mar que acudiron á feira da man da Cámara de Comercio de Vigo. Neste encontro, Mercedes Rodríguez brindoulle a axuda da Xunta para que participen en vindeiras feiras no posto da Consellería do Mar. Tamén se reuniu con representantes da Comisión Nacional de Acuicultura e Pesca do goberno de México, en concreto co comisionado nacional Mario Alberto Aguilar; co conselleiro de Agricultura, Luis Martínez, e coa directora de proxectos estratéxicos, Martha Aurea. En canto a Perú, a directora xeral de Pesca, manterá unha xuntanza co representante da promoción do sector da pesca no Goberno de Perú, Karl Berger.

Seafood Boston 2018

A Seafood de Boston é o evento comercial de produtos marítimo-pesqueiros máis grande de América do Norte. Galicia participa neste evento cun posto institucional de máis de 167m², que dá cabida ás empresas galegas coexpositoras pertencentes ao sector do conxelado e dos produtos do mar procesados.


Nesta feira danse cita máis de 20.000 visitantes profesionais de máis de 100 países. Conta cun espazo de 55.000m² en total, no que se promocionan 1.200 empresas expositoras de 50 países distintos vinculadas aos produtos do mar frescos, conxelados, da acuicultura e envasados e tamén profesionais que se dedican á provisión de equipamentos e transporte, loxística e maquinaria.
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 13/03/2018