As probas de acreditación do Celga serán a derradeira fin de semana de maio e a primeira de xuño

Política Lingüística convoca os exames para os días 26 e 27 de maio e 2 e 3 de xuño en Santiago de Compostela e en Ponferrada

O prazo de presentación de solicitudes ábrese mañá ata o 13 de abril

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2018
  • whatsapp

A Xunta de Galicia, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia a RESOLUCIÓN do 6 de marzo de 2018, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se convocan as probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 1, 2, 3 e 4, no ano 2018 (procedemento ED114A).


O prazo de inscrición nestes exames, que se realizarán os días 26 e 27 de maio (Celga 4 Celga 3, respectivamente) e 2 e 3 de xuño (Celga 3 e Celga 1, respectivamente) en Santiago de Compostela e en Ponferrada (os niveis 2, 3 e 4, dado o especial interese da promoción do uso do galego nos territorios galegofalantes do Bierzo e Sanabria), está aberto desde mañá ata o vindeiro 13 de abril. Canda a publicación das listaxes definitivas de persoas admitidas, o departamento fará públicos os espazos e horarios.


Arrancan os cursos preparatorios o 3 de abril


A secretaría dirixida por Valentín García porá en marcha o día 3 abril os cursos preparatorios específicos de cada nivel destes exames de acreditación do Celga, no marco do Plan de formación en lingua galega 2018, que inclúe 35 cursos Celga (25 presenciais en 18 localidades galegas e 10 en liña) e ofrece por primeira vez cursos de teleformación preparatorios do nivel 4, destinados tanto a persoas con residencia en Galicia coma no exterior. Desenvolveranse, simultaneamente do 3 de abril ao 23/24 de maio.
As listaxes de persoas admitidas e excluídas provisionalmente e toda a información e materiais preparatorios destas probas, así como exames de convocatorias anteriores, están accesibles desde o Portal da Lingua Galega ww.lingua.gal.


O sistema Celga


O Celga é o certificado en lingua galega que expide a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e que acredita o coñecemento da lingua en cinco niveis: Celga 1, Celga 2, Celga 3, Celga 4 e Celga 5. Trátase dun modelo de aprendizaxe, ensino e avaliación de lingua galega adaptado ao Marco europeo común de referencia para as linguas definido polo Consello de Europa, no que se describen os coñecementos e habilidades que se contemplan en diferentes niveis para que a comunicación sexa eficaz.
O sistema Celga proporciona unha base común para a elaboración de programas de linguas, orientacións curriculares, exames, manuais etc. en toda Europa e confígurase en distintos niveis de coñecemento. Para isto, recolle as habilidades que reflicten a competencia comunicativa nas distintas destrezas e agrupa os contidos en lingua e comunicación (aqueles aspectos relacionados coas funcións comunicativas) e lingua e sistema (os vinculados co coñecemento do código e contidos socioculturais).
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/03/2018