Nava Castro pon en valor a crecente colaboración no eido turístico entre Galicia e o Centro e Norte de Portugal
Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2018
  • whatsapp

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, recibiu hoxe no Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) aos membros da Comunidade Intermunicipal da Región de Coimbra e Presidentes da Cámara da Región Norte de Portugal, que se atopan en visita institucional estes días en Galicia. Con motivo deste encontro, puxo de manifesto a crecente colaboración no eido turístico entre Galicia e Portugal, un mercado, ademais, que se consolida como o primeiro mercado estranxeiro da nosa comunidade. O ano pasado supuxo máis do 16% da totalidade da demanda internacional.

Galicia e Portugal comparten proxectos europeos como Gerês-Xurés Dinámico, no eido do turismo de natureza; o proxecto WAOH! Route (Wildsea Atlantic Ocean Heritage Route) para configurar unha oferta de turismo de mergullo e, no marco de RESOE, a Macrorrexión de Rexións do Sudoeste Europeo (RESOE), traballan na posta en marcha dun novo produto que tome como fío condutor o Camiño de Santiago e os numerosos Patrimonios Mundiais dos seus territorios. Ademais, estase a impulsar o proxecto Fazer Caminho, que aspira a financiamento europeo, e que se centra nos itinerarios que nos unen: o Camiño Portugués e o Portugués da Costa.
 

Data de actualización: 13/03/2018