A Xunta pon en valor en Boiro os obradoiros de emprego ao ofrecer cualificación de calidade e acceso a un traballo

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participou hoxe na clausura do programa de hostalería no que se formaron 15 alumnos e alumnas menores de 30 anos

A Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsa o emprego xuvenil a través de 24 obradoiros específicos para a mocidade nos que se imparte unha formación acorde ao tecido empresarial de cada territorio

Destacou que esta iniciativa, que apoia a Xunta, fomenta a colaboración institucional e contribúe a fixar poboación no rural

O Goberno galego inviste 20 millóns de euros nestes plans para incrementar as oportunidades laborais de 1600 galegos
 

Boiro (A Coruña), 14 de marzo de 2018
  • whatsapp

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participou hoxe no acto de clausura do obradoiro de emprego de hostalería de Boiro, unha iniciativa que apoia a Xunta en colaboración co Concello e grazas á que se crearon unha vintena de novos empregos. Un total de 15 alumnos e alumnas recibiron cualificación na especialidade de operación básica de cociña, ao tempo que accederon a un posto laboral (elaboraron menús para familias en situación de necesidade; almorzos saudables para o alumnado dos colexios municipais; e organizaron eventos gastronómicos e xornadas de showcooking). Ademais, para a realización da programación contratouse á directora do obradoiro, unha titora docente, dous mestres de cociña e un auxiliar administrativo.

Trátase dunha actuación específica para menores de 30 anos e que forma parte dos 24 obradoiros específicos para a mocidade que se están a desenvolver en Galicia cos que se está impulsando o emprego xuvenil. No de Boiro, a Consellería de Economía, Emprego e Industria está a investir máis de 140.000 euros. En total, en toda Galicia están en marcha 83 programas (59 xerais e 24 específicos para a mocidade) aos que a Administración autonómica destina 20 millóns de euros para beneficiar a 1600 galegos e galegas sen emprego. Na provincia da Coruña, están en marcha 24 obradoiros de emprego.

O director xeral apuntou que a mocidade é un colectivo prioritario para a Administración autonómica e, de feito, os menores de 30 anos contan cunha maior intensidade de axuda nas políticas activas de emprego que desenvolve a Administración autonómica co obxectivo de que os máis novos atopen un emprego acorde a súa cualificación. No último ano, o paro entre os mozos e mozas diminuíu nun 11,94%.

Marnotes destacou a importancia destes programas salientando que a formación é clave para favorecer o acceso a empregos de calidade. Os obradoiros céntranse na realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral. Esta formación impulsa tamén o emprendemento, xa que os beneficiarios reciben formación específica que lles permita iniciar os seus propios proxectos.

O responsable de Orientación e Promoción Laboral tamén suliñou a importancia da colaboración entre as administracións públicas, indicando que os concellos son as entidades que mellor coñecen as necesidades dos diferentes territorios para incidir no tecido empresarial e mellorar as posibilidades de inserción laboral dos veciños. De feito, neste obradoiro impártese unha formación acorde ao tecido empresarial do territorio.

Os obradoiros de emprego, a través dos que os participantes reciben un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado, presentan nesta convocatoria varias novidades, entre as que destacan a ampliación da duración dos programas xerais de 6 a 9 meses. Dáse, ademais, prioridade ás localidades menos poboadas de Galicia para responder así a unha das medidas principais do Plan de formación e emprendemento no rural da Xunta.

Marnotes, por último, referiuse aos programas integrados de emprego aos que este ano se dedican 9,5 millóns de euros para beneficiar a 4.000 perspas sen emprego a través de 46 proxectos que mellorarán a inserción laboral dos participantes. Como novidade, 2 millóns de euros estarán adicados a Emprega en Feminino, co obxectivo de impulsar a inserción das mulleres no mercado de traballo.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/03/2018