Miranda solicita á Fundación España Saúde (FES) que avance no traballo de carácter social para os galegos de Venezuela

O secretario xeral da Emigración asinou o protocolo de colaboración coa entidade, que se centra no labor sanitario e de procura de medicamentos no país suramericano

O órgano atende case 1.500 persoas galegas na república venezolana
 

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2018
  • whatsapp

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asinou onte o protocolo de colaboración coa Fundación España Salud (FES), que actualmente atende a case 1.500 galegos de Venezuela. O responsable autonómico aproveitou para pedir á entidade que avance no traballo de carácter social que vén prestando desde a súa creación no país suramericano, e que actualmente se centra no eido sanitario e de provisión de medicamentos.


Con este obxectivo, o de “prestar atención sanitaria médico-cirúrxica e farmacéutica aos emigrantes españois“, se fundou en 2012 esta institución privada sen ánimo de lucro. O representante do Goberno galego solicitou, por esta razón, á fundación a posta en marcha dunha liña de financiamento de alimentos coa que se pretende paliar a complexa situación que está a atravesar a república venezolana e que están a padecer con moita crueza os seus habitantes, e que se está traducindo nunha escaseza cada día maior de produtos básicos.


Reunión na Consejería de Empleo


Trala sinatura, que tivo lugar na Consejería de Empleo e Seguridad Social situada en Caracas, Miranda mantivo unha reunión co titular deste organismo, José Santiago Camba Bouza, co que o Goberno galego mantén unha estreita colaboración que se traduce nunha completa atención aos galegos residentes en Venezuela. A demanda de información e asesoramento en materia de retorno segue a crecer cada día na república suramericana, o que fai tan necesario este contacto permanente entre ambas Administracións públicas e as súas políticas migratorias.


O secretario xeral da Emigración trasladouse a continuación á Hermandad Gallega de Venezuela, onde visitou á oficina de información e asesoramento aos galegos da capital, que vén de ser reforzada para atender a crecente demanda dos máis de 30.000 galegos que viven nesta rexión do país. Un encontro con membros da entidade caraqueña puxo punto final a esta primeira viaxe do ano do responsable autonómico a Venezuela.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/03/2018