A Xunta colabora co Concello de Quintela de Leirado na posta en valor do patrimonio natural de Galicia

O vicepresidente, Alfonso Rueda, visitou o edificio que albergará o Espazo de Interpretación da Natureza do concello

A intervención contou cunha axuda de 75.000 euros da Administración autonómica
 

Quintela de Leirado (Ourense), 14 de marzo de 2018
  • whatsapp

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o patrimonio paisaxístico de Galicia na súa visita ao edificio que albergará o Espazo de Interpretación da Natureza do concello de Quintela de Leirado, na provincia de Ourense, unha obra que foi financiada con 75.000 euros por parte da Administración autonómica. Rueda estivo acompañado na súa visita polo alcalde, José Antonio Pérez Cortés, e comprobou o resultado dos traballos.

O vicepresidente salientou o proxecto por poñer en valor o contorno natural ourensán e galego, por recuperar un edificio no centro do núcleo urbano para realizar unha obra emblemática e pola colaboración entre as distintas administracións.

O Espazo de Interpretación da Natureza xurde do desexo da Corporación municipal de contar cun lugar no que transmitir e revelar so público o valor paisaxístico da contorna, así como de fomentar o coñecemento de aspectos singulares do territorio.

A obra foi financiada grazas ao Fondo de Compensación Ambiental, unha iniciativa posta en marcha no ano 2010 e que permitiu que por vez primeira os concellos galegos puideran beneficiarse directamente da explotacións eólicas, posto que as actuacións que se realizan son financiadas a través do canon eólico.

Ao abeiro destas axudas, o ano pasado na liña non competitiva concedéronse subvencións a 112 concellos para a execución doutros tantos proxectos que incluían investimentos e/ou gastos de funcionamento. Na liña competitiva concedéronse 104 subvencións para o desenvolvemento de proxectos ambientais, que foron 7 mancomunidades de concellos, 2 consorcios locais, 77 concellos e 18 agrupacións ou asociacións de concellos, que reúnen un total de 42 concellos.

O pasado mes de xaneiro publicáronse no Diario Oficial de Galicia as convocatorias para este exercicio do Fondo de Compensación Ambiental, así como da Orde de Infraestruturas -tamén dirixida a concellos-, superando entre ambas os 13 millóns de euros.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/03/2018