A Xunta informa en Ordes sobre Galitex, o plan a medida para a inserción laboral de 300 traballadores do téxtil

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe en Ordes nunha xornada informativa con desempregados do téxtil para explicarlles a iniciativa do Goberno galego, que se levará a cabo co apoio da Unión Europea cun investimento de 1,2 millóns de euros

A actuación está dirixida a afectados por un ERE no período comprendido entre o 30 de xullo de 2016 e o 30 de abril de 2017, dos que un 83,5% son mulleres con idades comprendidas entre os 30 e 54 anos

Galitex é un plan integrado de medidas con 6 programas que inclúen, entre outros, orientación, formación, apoio á recolocación e seguimiento personalizado e incentivos á contratación, conciliación familiar e prácticas en empresas

Nos próximos días desenvolverase unha nova xornada informativa na Coruña
 

Ordes (A Coruña), 20 de marzo de 2018
  • whatsapp

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe en Ordes (A Coruña) nunha xornada informativa con desempregados do téxtil para expoñerlles as características principais de Galitex, o plan feito a medida para 303 traballadores afectados por un Expediente de Regulamento de Emprego (ERE) para a súa inserción laboral. A iniciativa da Xunta, que se levará a cabo co apoio da Unión Europea, a través do Fondo Europeo de Adaptación á Globalización (FEAG), conta cun investimento de 1,2 millóns de euros.

A Xunta, despois de informar a semana pasada aos principias axentes sociais do sector da aprobación do proxecto, por parte da Comisión de Presupostos do Parlamento europeo, celebra hoxe esta xuntanza dirixida ás persoas que quedaron sen emprego e que traballaban en cinco empresas da provincia da Coruña, en especial, da localidade de Ordes: Caramelo, Confeccións Deus, Deus Creaciones, Viriato e Shivshi. Á xornada tamén asistiron o alcalde de Ordes, José Manuel Martínez Sanjurjo, e os principais axentes sociais do téxtil- sindicatos e a Confederación de Industrias Téxtiles de Galicia (Cointega)-.

O programa vai dirixido aos afectados por un Expediente de Regulamento de Emprego (ERE) no período comprendido entre o 30 de xullo de 2016 e o 30 de abril de 2017.

Os 303 traballadores, dos que o 83,5% son mulleres con idades comprendidas entre os 30 e 54 anos, poderán acceder a un plan integrado deseñado á medida dos afectados que inclúe 6 programas de actuación: acollida e diagnóstico inicial; medidas de sensibilización; programa de orientación; formación; apoio á recolocación e seguimento personalizado; e incentivos.

Na primeira fase, de diagnose, estanse a levar a cabo estas xornadas informativas para presentar o programa. A próxima celebrarase nos vindeiros días na Coruña. O obxectivo da xornada é ter unha primeira acollida cos traballadores que cumpran os requisitos, coa finalidade de efectuar unha presentación xeral do programa e informarlles das accións que se van a levar a cabo e os esforzos e recursos postos en marcha para axudarlles no seu proceso de reinserción laboral para a súa mellora da empregabilidade.

As medidas de sensibilización desenvolveranse a través de obradoiros de xestión do cambio e emprendemento e de información sobre certificados de profesonalidade, entre outras iniciativas. Así mesmo, os participantes en Galitex recibirán orientación laboral e formación en competencias básicas para a activación laboral, así como formación transversal. A través de Galitex levaranse tamén a cabo labores de apoio á colocación e un seguimento personalizado e o programa contará con incentivos para promover a participación activa no mesmo. Serán axudas para o desprazamento e a conciliación laboral. Tamén inclúense apoios para a contratación por conta allea, a realización de prácticas laborais e o emprendemento.

En definitiva, Galitex ofrecerá aos traballadores apoio para a creación de empresas, axuda para a busca de emprego, orientación e asesoramento profesional individualizado, así como varios programas de formación. O obxectivo último da actuación é tratar de garantir a inserción no mercado de traballo do maior número de persoas posibles.

Apoio á empregabilidade

A secretaria xeral salientou tamén na xuntanza outros mecanismos cos que conta a Xunta para mellorar a ocupabilidade das persoas sen emprego, ao tempo que sinalou o compromiso do Goberno galego co sector téxtil e coa creación de emprego e a actividade económica na comarca de Ordes.

De feito, a principios de ano a Administración autonómica xa autorizou programas por máis de 66 millóns de euros para facilitar, entre outros, o inicio da actividade a máis de 4000 autónomos e a contratación en 190 firmas (16M€); os apoios do programa Aprol Economía Social para favorecer o emprendemento colectivo (1,8M€); o impulso da contratación en 700 pemes e empresas de base tecnolóxica (6,9M€); ou para a contratación de 430 desempregados en 220 concellos a través do Aprol Rural (7M€); e nas próximas semanas publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG) as axudas para a formación para desempregados (26,6M€).
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/03/2018