A Xunta salienta en Ourense que Galicia avanza en igualdade con emprega en feminino que impulsa o desenvolvemento profesional das mulleres

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe nunha mesa redonda sobre a planificación que está executando o Goberno galego para favorecer a incorporación das mulleres ao mercado de traballo

Sinalou que con programas como Executivas foméntase que as mulleres ocupen postos de dirección e ocupacións de alta cualificación

Indicou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria fomenta nas empresas galegas a implantación de plans de igualdade, ao tempo que está reforzando o labor da Inspección para loitar contra as desigualdades neste campo

Galicia conta cunha taxa de emprego feminino que é a maior desde 2002
 

Ourense, 20 de marzo de 2018
  • whatsapp

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe en Ourense nunha mesa redonda organizada polo Concello sobre o plan Emprega en Feminino, que puxo en marcha o ano pasado a Xunta para impulsar a incorporación da muller ao mercado laboral, o seu desenvolvemento profesional, a igualdade na empresa e o emprendemento entre este colectivo.

Toca puxo en valor que con esta folla de ruta o que a Administración autonómica pretende é equilibrar a participación da muller no mercado de traballo incentivando ás empresas e fomentando a corresponsabilidade nas parellas traballadoras para a conciliación da vida persoal e profesional. Así mesmo, Emprega en Feminino busca fomentar a incorporación das mulleres a postos de dirección e en ocupacións de alta cualificación e alto valor engadido concienciando aos sectores económicos do potencial das mulleres para favorecer o cambio do modelo produtivo no que está inmersa Galicia.

Neste senso, Toca destacou que a Xunta ten en marcha o programa Executivas para a formación de directivas, emprendedoras e mulleres que buscan mellores perspectivas laborais no sector privado, que se completará con accións dirixidas a novas universitarias ou que remataran os seus estudos de Formación Profesional (FP) para a captación do talento directivo.

A secretaria xeral de Emprego tamén expuxo que a Xunta traballa para situar á muller traballadora galega en ocupacións vinculadas á Industria 4.0 e para fomentar entre as empresas a elaboración e implantación de plans de igualdade con medidas concretas para acadar unha verdadeira igualdade efectiva nas condicións de traballo. A Administración autonómica, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, tamén está impulsando campañas de inspección e prevención neste eido e está apoiando de xeito especial a aquelas mulleres que procuren a súa inserción laboral ou poñan en marcha proxectos emprendedores. “O que estamos facendo é reorientar as políticas activas de emprego para darlle visibilidade ao papel da muller no mercado laboral”, apuntou.

Toca lembrou que as mulleres son un colectivo prioritario en todos os programas de emprego que desenvolve o Goberno galego contando cunha maior intensidade nas axudas, un 25% máis.

Máis emprego

En definitiva, indicou que os retos de Emprega feminino son acadar en 2020 un incremento na taxa de emprego feminino de dous puntos e chegar ao 75% das mulleres asalariadas con contrato indefinido.

A secretaria xeral de Emprego resaltou, ao respecto, que febreiro acabou con 9.554 mulleres menos no paro, un descenso do 8,26%, o que supón, en palabras da secretaria xeral, que “Galicia avanza en igualdade”. Os últimos datos de EPA sinalan que a Comunidade conta cunha taxa de emprego feminino que é a maior desde 2002 (de toda a serie histórica da EPA) e que desde o inicio da crise, a fenda salarial diminuíu en máis de 3 puntos, rexistrando unha desviación de xénero inferior á do conxunto do Estado.

Outros datos que reflicten que o emprego feminino avanza en Galicia é o incremento das mulleres emprendedoras, xa que no último ano as empresarias con asalariados ao seu cargo aumentaron nun 10,60%, o que posiciona a Galicia como a quinta Comunidade con maior ritmo de crecemento neste ámbito. Así mesmo, puxo en valor a creación de máis postos de traballo de alta cualificación entre as mulleres.
 

Data de actualización: 20/03/2018