A Xunta informa aos empresarios de Vigo dos plans para o naval que xa están en marcha para cualificar a 1.880 traballadores

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participou hoxe nunha xornada con empresarios na Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) para coñecer as súas demandas e explicarlles as axudas da Administración a súa disposición

A Consellería de Economía, Emprego e Industria financia en centros homologados a realización de cursos dirixidos a desempregados e traballadores e apoia a cualificación especializada nas empresas coas unidades formativas

O Goberno galego ten en marcha desde o ano pasado o primeiro plan sectorial de cualificación para o naval

Marnotes destacou que un dos retos principais da Axenda 20 para o Emprego é que o sistema formativo se oriente á realidade da industria, adaptando a formación dos traballadores ás necesidades que demanda o sector produtivo

Para promover o emprego en Galicia, a Administración autonómica autorizou desde principios de ano axudas que superan os 66 millóns
 

Vigo, 21 de marzo de 2018
  • whatsapp

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participou hoxe en Vigo nunha xornada informativa na Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) para expoñer as axudas e servizos que a Administración autonómica ten a disposición dos empresarios para impulsar en Galicia o emprego e a innovación e a formación especializada dos traballadores.

Marnotes salientou que un dos retos principais da Axenda 20 para o Emprego é que o sistema formativo se oriente á realidade da industria, adaptando a formación dos traballadores ás necesidades que demanda o sector produtivo.

Neste contexto, puxo en valor os programas específicos para o naval que a Xunta ten en marcha na actualidade e a través dos que xa están recibindo cualificación en centros homologados 1850 desempregados e traballadores. Ademais, destacou as actuacións que se activarán neste eido proximamente. Todas estas medidas forman parte do primeiro plan sectorial de cualificación para o naval 2017-2018 que a Administración autonómica puxo en marcha o pasado ano e que está dirixido a persoas ocupadas e desempregadas. En global, esta actuación está dotada con 12 millóns, coa que se prevé chegar a 3000 traballadores do naval e a industria auxiliar.

En 2017, para desempregados, comezaron en Galicia 57 cursos nos que participaron 883 alumnos e alumnas cun investimento de 4,3 millóns de euros. Así mesmo, está en marcha un programa específico dirixido a traballadores de sectores estratéxicos entre os que se atopa o naval, un ámbito para o que se destina un millón de euros para a cualificación de preto dun milleiro de traballadores a través de 63 cursos en toda Galicia. Destes 50 teñen lugar na cidade de Vigo para 800 profesionais. A través desta iniciativa impártense accións nas especialidades de soldadura, robótica, calderería ou deseño do naval, entre outros.


Unidades Formativas na Empresa

Á cualificación especializada que se imparte en centros homologados para ocupados e persoas sen traballo únense este ano tamén as Unidades Formativas na Empresa, tamén para desempregados e traballadores. As primeiras convocatorias destes programas xa saíron publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG). En global, para estes dous plans destínanse 6,35 millóns en 2018, a través dos que se cualifica a desempregados con formación á carta na propia empresa, que ten que comprometerse a un mínimo de contratación; e a traballadores de empresas de sectores estratéxicos entre os que se atopa o naval.

Para as unidades dirixidas para desempregados, o prazo de solicitude está aberto ata o 5 de abril e para a iniciativa de ocupados para formar a 1500 traballadores en 500 empresas de sectores estratéxicos rematará o 2 de abril. Para máis información sobre as Unidades Formativas na Empresa, a Xunta habilita o seguinte número de teléfono: 900 815 333

A estes programas sumarase proximamente unha nova oferta formativa para desempregados en centros de formación homologados, unha convocatoria de axudas que sairá publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) nas próximas semanas que inclúe este ano como novidade a prioridade para as especialidades vinculadas ao metal, naval e automoción, entre outros.

En total, a Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá 26,6 millóns de euros para cualificar a 8700 alumnos e alumnas a través de 580 cursos. Unha carta parte do investimento (6,65 millóns de euros) destinarase para a realización de 145 cursos para cualificar a 2175 persoas sen emprego nos sectores do metal, o naval e a automoción. Nesta convocatoria, ao igual que na de 2017/2018, tamén se dará prioridade aos cursos vinculados coa Industria 4.0.

Impulso do emprego

O director xeral, así mesmo, destacou outras axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria para apoiar ás pemes para impulsar o emprego e a innovación en Galicia. Para iso, indicou que en material laboral, a Xunta xa autorizou desde principios de ano programas de apoio que suman máis de 66 millóns de euros. O obxectivo de este mapa de axudas é, en palabras de Toca, que “Galicia siga creando emprego estable”. Referiuse, entre outros, aos programas para autónomos, ás axudas por valor de 16 millóns de euros para facilitar o inicio da actividade a máis de 4000 traballadores por conta propia e para impulsar a contratación nas súas empresas. Así mesmo, sinalou os apoios do Aprol Economía Social para favorecer o emprendemento colectivo con 1,8 millóns de euros ou para fomentar a contratación en 700 pemes de base tecnolóxica, que contan cun orzamento de 6,9 millóns.

Na xuntanza, ademais, expuxéronse os servizos do Igape para impulsar na Comunidade galega a actividade empresarial, con liñas de apoios desde o nacemento dunha idea ata a decisión de crear unha compañía, e para a súa consolidación e posterior internacionalización. En materia de innovación, presentouse o mapa de apoios da Axencia Galega de Innovación para 2018, que se centra en iniciativas encamiñadas principalmente a apoiar a I+D+i.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 21/03/2018